O Congreso dos Deputados vén de aprobar este martes 10 de abril na Comisión de Emprego unha iniciativa de En Marea que esixe ao Goberno a aplicación de coeficientes redutores aos traballadores/as de lousa e granito con risco de contraer silicose. A iniciativa saía adiante por 22 votos a favor e 14 en contra, do Partido Popular.
“A situación é moi grave. As contrarreformas de pensións do PP e PSOE, cos recortes na xubilación anticipada, non axudan a mellorar a situación. Esta iniciativa pon o foco de atención no incremento de traballadores que enfermaron por silicose en relación coa extracción da pizarra e granito”, sinalaba a deputada Yolanda Díaz.
A parlamentaria chegou a un acordo transaccional para adoptar “medidas encamiñadas a dar solución aos problemas dos traballadores do sector da extracción e transformación do granito e a pizarra expostos a riscos de contraer silicose”.
Ante esta situación, na súa iniciativa pedíase “convocar, con carácter urxente, aos axentes sociais para iniciar o proceso de revisión dos actuais coeficientes redutores que se aplican no sector do granito e a pizarra, de xeito que se aplique a todos os postos de traballo que se desenvolven nas naves de elaboración e transformación, aínda sen ter actividade extractiva; homoxeneizando os dos distintos postos de traballo expostos, independentemente da súa categoría”.
Ademais, acordouse incorporar ao sistema da Seguridade Social un código identificador das empresas que desenvolvan a súa actividade económica no sector a fin de facilitar o acceso á xubilación destes traballadores, “sen necesidade de que teñan que solicitar empresa por empresa o recoñecemento dos coeficientes reductores”.
Entre outras cuestións, tamén se aprobou o recoñecemento de incapacidade total aos traballadores/as afectados de primeiro grao de silicose cando non poidan acceder a outro posto de traballo exento de risco pulvíxeno na mesma empresa.
Díaz aseguraba que Galicia é a comunidade con maior número de traballadores afectados por esta patoloxía. “Pedimos que se revisen os coes con negociación pausada, para ponderar a súa equiparación ás categorías que se aplican no interior. Pedimos que se revisen, con negociación cos sindicatos e se aplique a revisión dos coeficientes”, destacou a deputada.