CulturaMúsicaÚltima hora

Arranca o VII ciclo de concertos didácticos de órgano en Celanova

Alumnos de música de 25 concellos galegos, entre eles A Rúa e O Barco, participarán na iniciativa de aquí a xuño
Apertura do ciclo de concertos didácticos de órgano na igrexa de San Rosendo.
Apertura do ciclo de concertos didácticos de órgano na igrexa de San Rosendo.

O ciclo de concertos didácticos de órgano de Celanova iniciaba na mañá do 26 de marzo a VII edición na igrexa de San Salvador con tres clases-concertos a cargo da especialista Marisol Mendive, coa participación de centros educativos das localidades de Maceda, O Porriño e Negreira.

En total, está previsto que ata o vindeiro 4 de xuño participen nalgunha das sesións do ciclo alumnos e alumnas de música de 25 centros de ensino procedentes dos municipios de Pontevedra, A Cañiza, Marín, A Rúa, Bande, Celanova, Cangas, Tui, Vilagarcía de Arousa, O Barco de Valdeorras, Vigo, Nigrán, Ourense, Viveiro, O Carballiño, Moaña, Fene, Verín, A Coruña e Xinzo de Limia.

Á primeira xornada da iniciativa, promovida polo Concello de Celanova co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; concelleiros do municipio; e o técnico de Cultura Antonio Piñeiro.

A igrexa de San Rosendo é o principal escenario do ciclo, impartido por Marisol Mendive. A profesora do Conservatorio de Música de Ourense introduce ao alumnado no coñecemento histórico do órgano a través das diferentes sesións, nas que os estudantes teñen ocasión de coñecer as partes do instrumento, o seu funcionamento e materiais dos que se compón ou as formas musicais organísticas de distintas épocas, para rematar cun concerto. O ciclo aborda, ademais, o valor do espazo arquitectónico con visitas guiadas polo mosteiro de San Rosendo, así como percorridos máis amplos por espazos de interese cultural de Celanova.

Artigos relacionados

Back to top button