ConcellosO BarcoÚltima hora

As incidencias nalgúns sumidoiros do Barco tras a tormenta de onte, abordados no pleno municipal

 

Tras a chuvia caída na tormenta de onte á tarde, algúns sumidoiros do centro do Barco non tragaban a auga ao estar atascado. Isto provocada grandes charcos e o malestar da veciñanza. Esta situación era plantexada por Antonio Melo, concelleiro do PP, no pleno municipal celebrado esta tarde pola Corporación barquense. “Algúns alcantarillados entúpense e non descargan”, comentaba o edil.

O alcalde do Barco, Alfredo García, recoñecía que isto acontece “cada certo tempo, cando pasa moito tempo sen chover. É un tema complicado, hai moito po, follas e acaban meténdose no sumidoiro, pero tamén hai que dicir que non se produciu ningún problema máis alá dun pequeno charco. Pero tomaremos nota e transmitirémolo para que se proceda á limpeza”.

Nesta sesión plenaria abordábanse un total de 6 puntos, todos eles aprobados por unanimidade. Así, dábase luz verde aos ditames da comisión de contas relativos á declaración de especial interese ou utilidade municipal nas obras da reconstrución de 3 vivendas en Alixo, así como a outro ditame relativo a 35 xustificantes de gasto por importe bruto de 15.472,93 euros, a maior parte dos cales correspondían a facturas da empresa de subministro eléctrico.

 

 

Neste último punto o edil de Riada Cidadá, Félix García, pedíalle ao grupo de goberno que intentase “chegar a un acordo con outra compañía que se comprometa a pasar as facturas nun prazo razoable e non con 2 anos de retraso, como sucede con moitas destas. O mercado e a contratación é libre”.

O rexedor barquense contestaba asegurando que “a solución máis viable que vimos foi a de adherirnos á conta que ten a FEMP na que tamén está incluída a luz, pero agora mesmo están traballando coa mesma compañía que xa temos. A ver se máis adiante”.

Finalmente, a Corporación barquense aprobaba outro ditame da comisión de contas relativo á certificación e factura correspondentes á reforma de vestiarios, vaso de recreo e parcela das piscinas municipais ao aire libre do Barco, por un importe de 67.513,58 euros. “Unha parte corresponde á liquidación e outra a diversas obras que foron incluíndo e facendo ao longo da intervención”, explicaba o portavoz municipal socialista, Aurentino Alonso.

 

 

Neste punto o concelleiro de Riada Cidadá expoñía a necesidade de rematar “arranxando toda a piscina, o vaso dos nenos é o que queda sen facer e tamén modificar a saída de fumes do bar, que dá ao Paseo do Malecón porque cando funciona a cociña iso bota moito fume e olor, convén subilo un pouco”.

O rexedor barquense respostaba indicando que “a reforma do vaso dos nenos queda comprometida e tamén trasladamos o tema de reformar o tubo dos fumes, intentaremos que se modifique antes de que empece a tempada de baño”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button