ConcellosÚltima horaVilamartín

As mulleres rurais de Córgomo poñen en marcha un proxecto para decorar o pobo en homenaxe a FDG

Realizarán un obradoiro de pintura de botellas con debuxos e versos do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán

Publicidade

 

A pesares da chuvia, na tarde deste sábado 12 de marzo a actividade era frenética en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). Por unha banda, os poetas retaban á chuvia para participar nunha nova edición do encontro de Valdeorras que neste 2022 decidía deixar a sede fixa na Coroa (A Rúa) para comezar, na vila natal do homenaxeado das Letras Galegas deste ano, unha nova etapa de itinerancia pola comarca.

Por outra banda, na antiga escola de Córgomo as mulleres rurais poñían en marcha un novo proxecto para decorar o pobo en homenaxe ao seu poeta. Tal como explica a presidenta da asociación, Soledad Figueroa, están reactivando ao colectivo tralo parón pola pandemia e unha das primeiras actividades que levarán a cabo é un obradoiro que comezaban esta tarde. “Trátase dunha iniciativa que chamamos ‘Córgomo e Florencio, un pobo e un poeta de viño’, e consiste nun obradoiro de pintura no que imos decorar botellas de viño con debuxos variados e letras de títulos de poemas e versos do poeta, para despois colgalas polo pobo adiante”, explica Sole, engadindo que o taller levarano a cabo no propio edificio do pobo ao que tamén lle queren dar un pouco de vida. “As mulleres sempre se reuniron aquí e fan outras actividades como ioga ou baile, pero agora estámoslle dando un lavado de cara”, puntualiza a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo.

Nesta primeira xornada do obradoiro, mentres unhas limpaban as botellas e organizaban o espazo, outras dábanlle a base sobre a que traballarán nas seguintes clases. O obradoiro será os sábados pola tarde.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button