CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

“Cantarenas na noite”, un coidado e emotivo recital de Paco Campos sobre Florencio, no Barco

Este singular espectáculo, con soporte audiovisual a cargo de Domingo D. Docampo, podía verse o 8 de xullo dentro do ciclo "De Perto"

 

Tomando como fío condutor os versos de Florencio Delgado Gurriarán, pero tamén a súa experiencia vital dentro e fóra de Valdeorras, en diálogo con imaxes, testemuños e música, Paco Campos construía sobre o escenario do “De Perto” na noite do 8 de xullo un coidado e emotivo tributo ao poeta corgomés: “Cantarenas na noite” co que conquistaba ao numeroso público.

O actor e músico valdeorrés, que neste proxecto conta co apoio audiovisual do petinés Domingo D. Docampo (ausente no acto por estar de viaxe cara a México para ver a familia de Florencio Delgado Gurriarán), metíase ao longo de 90 minutos na pel de Florencio, en diálogo co seu amigo Pepe Gayoso (quen fora presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses naquel momento), pasando polos distintos momentos da súa vida a través dos poemas, interpretados e/ou cantados, nunha proposta moi ben elaborada teatralmente como unha unidade.

O espectáculo incluía proxección de imaxes nunha pantalla grande, pero con gravacións de audio sobre a represión en Valdeorras. As voces en off eran as de Manuel Folla e X. Antonio Álvarez Quiroga, en gravacións que fixera Ricardo Gurriarán para a primeira biografía de Florencio. Non faltaban ás poesías adicadas ao “viño” valdeorrés, que Campos interpretou ao principio nun ton chocalleiro e de “troula/bebedeira”, adoptando un rexistro solemne coas que se refiren ao fascismo, a represión, aos compañeiros.

 

 

De feito Campos incidía de xeito especial nesta peza na poesía de loita e aos poemas francófobos que non é habitual ver nun recital. Xogou así mesmo cos poemas mexicanos e coa súa sonoridade con grande habilidade e cantou unha canción da mexicana Chavela Vargas, que era do gusto de Florencio, xa a modo de despedida.

Na última parte proxectábase “O castañeiro morto”, unha curtametraxe que homenaxe tamén a Florencio Delgado Gurriarán e na que se recrea unha carta desde Valdeorras a México para Florencio.

En definitiva, un espectáculo moi traballado no que Campos se desenvolvía con elegancia tanto na parte teatral como musical (coa guitarra e a pandeireta) e no que, en ningún momento, se perdeu o ritmo nin decaeu a atención do público.

Fotos: A.R. (as tres primeiras da galería) e cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button