EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Cata preselección na D.O. Valdeorras para as Distincións Gallaecia e para a “Guía dos Viños de Galicia”

Unha vintena de sumilleres de Gallaecia desprazábanse a Vilamartín para valorar 46 brancos e 51 tintos desta denominación

 

Ata Valdeorras desprazábanse neste luns 8 de agosto 20 membros da da Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia, para catar 46 referencias de viños brancos e 51 de tintos da Denominación de Orixe Valdeorras. Fixérono no Complexo Hostaleiro Paladium de Vilamartín durante tres horas. O obxectivo desta cata era valorar estas mostras de cara á vindeira edición da Guía dos Viños, Destilados e Augardentes de Galicia, que verá a luz a finais de ano, e tamén para que poidan optar ás Distincións Gallaecia, que se entregarán en setembro.

Os sumilleres organizábanse en dous paneis e, tras a cata, facían unha valoración moi positiva das referencias analizadas, entre as que había viños do ano, pero tamén de anadas anteriores. “Esta é a cuarta denominación de orixe á que imos, e estamos comprobando que está resultando unha anada fresca. Tiñamos curiosidade por ver como se interpretara unha monovarietal como a godello este ano no territorio e ímonos moi sorprendidos, os godellos son sensacionais, co nota. Souberon manexar a anada, os viños son moito máis frescos, seguimos con esa liña herbácea e de flor e para ter un bo paso polo tempo. Pensamos que vai haber unha boa evolución desta anada”, sinala o secretario da Asociación de Sumilleres Gallaecia, Javier Facal.

Outro dos aspectos que lles chamaba a atención é que nesta ocasión presentábanse á cata máis tintos que brancos. “Nos tintos comprobamos que hai moi boa materia prima, teñen un potencial por desenvolver moi interesante en variedades como a mencía”, comentaba Facal, resaltando ademais que “as garnachas tintureiras son para quitarse o sombreiros, resultan incribles, ata vemos garnachas xoves que veñen pegando forte, moi características en nariz, en boca…”.

Fotos: CRDO Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button