EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Catas de iniciación aos viños da Ribeira Sacra en Sober e Pantón, a próxima semana

Ambas accións formativas terán lugar nas respectivas casas consistoriais, en horario de 17:30 a 21:30 horas

 

Na vindeira semana desenvolverase unha cata de iniciación de viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra nos concellos de Sober e Pantón. “O obxectivo principal deste curso é proporcionar coñecementos básicos de enoloxía e viticultura aos asistentes, ademais de ensinarlles as habilidades básicas da cata de viños para que saiban distinguir os atributos positivos dos negativos e ter un vocabulario acorde a este tipo de prácticas”, segundo explican dende a organización, en mans da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Así, o programa recolle unha parte teórica centrada nas peculiaridades das subzonas da Ribeira Sacra, pasando polas distintas tipoloxías de viño, a súa maduración e mesmo o seu etiquetado. Seguidamente, combinarase unha parte práctico-teórica sobre as distintas fases que compoñen unha cata, centradas nas parte visual, olfativa e gustativa.

Estas accións formativas terán lugar o martes 7 de setembro na casa consistorial de Sober e, ao día seguinte, será na casa consistorial de Pantón. En ambos casos celebrarase en xornada de tarde, en horario de 17:30 a 21:30 horas. Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a correspondente solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico de formacion.agacal@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 881 997 279 para máis información.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende “contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este”.

A Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas

Artigos relacionados

Back to top button