En portadaGalerías de fotosXVIII Feira do Viño Valdeorras

Cita cos godellos e mencías na XVIII Feira do Viño de Valdeorras

O pregón de Julián Villamarín abría esta mostra, que no seu acto inaugural contaba coa conselleira do Medio Rural

Os adegueiros “son os verdadeiros protagonistas deste evento. Sen eles nós non poderíamos facer a mostra”. Eran as primeiras palabras do presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Vicente Solarat, no acto inaugural da XVIII Feira do Viño de Valdeorras, no mediodía do 11 de xullo na praza de Viloira (O Barco). O certame reúne a 16 adegas desta denominación, cuxos viños poderán degustarse ao longo do 11 e 12 de xullo.

“Para min”, engadía Solarat, “é unha satisfacción e un verdadeiro orgullo representar a esta D.O. formada por 1.471 viticultores e 46 adegas que, en apenas 1.100 hectáreas, tratan de forma maxistral a uva que se desenvolve nuns chans e clima únicos. Nun territorio onde o viño é cultura e o viño é vida, Valdeorras”. E resaltaba que “os viños de Valdeorras sitúannos no resto de España e no mundo”.

De seguido, presentaba como un “valdeorrés de adopción e un gran coñecedor do mundo do viño” ao pregoeiro desta edición, Julián Villamarín Rodríguez, responsable da área de clientes internacionais de Autoneum Spain Northwest SLU, con sede na Rúa. Villamarín amosábase encantado de participar neste acto por “terlle un agarimo especial a Valdeorras”. Ademais expresáballe o seu agradecemento a José Vicente Solarat “por ter confiado en min como pregoeiro e como embaixador dos viños de Valdeorras”, así como a Autoneum que “me ten dado a oportunidade de reencontrarme con Valdeorras”.

O pregoeiro aludía asemade á importancia de aunar esforzos para desenvolver o sector, “é importantísimo crear un interese común, que estea por riba dos individuais”. Tamén se refería aos diferentes caldos valdeorreses, dende as garnachas “marabillosas”, pasando polos mencías, ata chegar ao godello “que é un viño universal, que non deixou de ser noso pero agora é de todos”. Insistía ademais “en que a calidade obriga” e “aquí hai moitísima calidade e en todo” e, xa como remate, expresaba o seu desexo de que esa mesma calidade “nos obrigue e nos leve á excelencia”.

O acto inaugural proseguía co alcalde do Barco, Alfredo García, quen agradecía a presenza da conselleira de Medio Rural, tras varias edicións da feira sen poder contar con ela, e resaltaba a importancia dos viños valdeorreses, facendo ademais unha referencia especial aos adegueiros aos que animaba “a seguir así, mellorando cada día, innovando, porque a competencia é moi grande”.

As intervencións completábanse coa conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, quen aludía ao peso do sector vitivinícola galego e, máis en concreto, ao valdeorrés. Facía un percorrido pola historia vitivinícola desta denominación, da que destacaba a súa etapa romana e ao paso da Via XVIII, para concluír sinalando que no 2014 Valdeorras producía máis de 3,3 millóns de litros de viño cualificado, cun valor económico estimado de preto de 18 millóns de euros. “Son cifras das que presumir”, dicía, pero “do que verdadeiramente debemos sentirnos orgullosos é das persoas que seguen traballando nesta terra, nesta comarca para, día a día, vixiar as viñas, evitar as súas enfermidades e coidalas”. Tamén felicitaba ás adegas galardoadas na recente Cata dos Viños de Galicia, na que o mencía de Quinta da Peza lograba a distinción ao mellor viño tinto de Galicia.

A feira, animada pola mañá co son da charanga NBA, continuará na tarde do 11 de xullo con degustacións e, dende ás nove, co I Valdeorrock no que soarán os ritmos de Jurassic Rock Dj e proseguirá con dúas bandas moi diferentes: The Morgans e Bon Scott Revival Show.

Artigos relacionados

Back to top button