EconomíaEconomíaÚltima hora

Clausúrase na Rúa o obradoiro dual de emprego LABORU

Unha vintena de alumnos deste concello valdeorrés, de O Bolo e de Larouco recibían hoxe o diploma

 

No mediodía deste luns 4 de outubro, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, achegábase ata o Centro Cultural da Rúa para clausurar o obradoiro de emprego dual LABORU, organizado por este concello en colaboración cos de O Bolo e Larouco. Durante o acto de clausura, ao que asistían alumnos, profesores e representantes dos tres concellos implicados, a titular de Emprego subliñou a aposta da Xunta polo impulso do emprego verde con actividades formativas como esta, que terá continuidade na convocatoria que se vén de resolver e que que sitúa á provincia de Ourense como a perceptora do maior investimento (9 millóns de euros) con obradoiros que se celebrarán en 82 dos 92 concellos ourensás.

Lorenzana puxo o obradoiro LABORU como exemplo da implicación da Xunta na busca dun dos obxectivos do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027, que persegue, de xeito transversal, unha explotación forestal e consumo responsable e a xestión sostible dos recursos naturais, neste caso “partindo de accións locais”. “O obradoiro que hoxe estamos a clausurar reflicte o compromiso cunha formación catalizadora dun emprego local baseado nun modelo de desenvolvemento económico responsable, e ligado ao coidado e ás necesidades tanto dos nosos montes como, por suposto, da nosa xente”, remarcou Lorenzana.

 

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

 

Nesta actividade o Goberno galego investiu este ano un total de 346.946 euros que permitiron formar a 20 persoas desempregadas en dúas especialidades: conservación e mellora de montes (14 alumnos/as) e viveiros, xardíns e centros de xardinaría (6 alumnos/as). Trátase de “dúas especialidades de crecente demanda no mercado laboral e que, de seguro, vos proporcionarán novas e mellores oportunidades laborais, ao mesmo tempo que deixades unha pegada tanxible e beneficiosa para a propia contorna”, indicou a conselleira aos participantes.

Co obradoiro LABORU, os alumnos traballadores melloraron na Rúa zonas axardinadas no barrio de Fontei, na contorna da capela de Somoza ou nos accesos ao miradoiro do Barranco Rubio, entre outras actuacións. No Bolo, os traballos centráronse nas Fosas Lentellais, no Hospital Santa Cruz, en Valbuxán, Noudiños Paradela e en A Regueira. En Laurouco, os participantes no taller de emprego realizaron melloras na aula de natureza en Freixido, no parque da escola e na praza de Seadur, en A Seara e no parque das antigas escolas e prazas en Larouco.

 

Alumnos, profesores e autoridades, na clausura do obradoiro.

 

Dos traballos realizados ao longo dos nove meses que durou o obradoiro daba conta a directora do obradoiro Cristina Murga, proxectándose ademais un vídeo dos alumnos en plena actividade.

A Xunta ven de reforzar o seu compromiso con estas accións formativas que na nova convocatoria suporán tan só na provincia de Ourense un investimento de máis de 9 millóns e medio de euros (9.671.709 €). Ourense se sitúa, deste xeito, como a provincia que recibe un maior investimento (o 30% do total concedido), o maior número de obradoiros, desenvolvéndose un total de 28 (un 75% máis que na edición anterior na que foron 16) nos que se formará a 552 alumnas e alumnos en 82 dos 92 concellos de Ourense, chegando ao 90% dos municipios da provincia.

Entre estas actuacións, O Bolo, A Rúa e Larouco renovarán a súa colaboración na organización da segunda edición do obradoiro hoxe clausurado baixo a denominación Laboru II, cunha inversión tamén de 346.946 euros.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button