CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A colaboración subscrita polos gobernos autonómicos con linguas propias refórzase en Galicia

Os gobernos de Navarra e Valencia entrarán no Protocolo de colaboración en materia de política lingüística
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e os responsables da política lingüística dos gobernos catalán, vasco, navarro, balear e valenciano.

A colaboración institucional subscrita ata agora polos gobernos galego, vasco, catalán e balear reforzarase coa incorporación dos gobernos navarro e valenciano ao Protocolo de colaboración en materia de política lingüística. Con estas adhesións, Xunta de Galicia, Eusko Jaurlaritza/Gobierno Vasco, Generalitat de Cataluña, Govern de les Illes Balears, Nafarroako Gobernua/Gobierno de Navarra e Generalitat Valenciana “inician —en palabras do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García— unha nova etapa na defensa coordinada dos intereses do multilingüismo e na promoción conxunta do uso das súas linguas cooficiais”.

O responsable de Política Lingüística, acompañado polos seus homólogos catalán, vasco, navarro e valenciano, Ester Franquesa, Miren Dobaran, Mikel Arregui e Rubén Trenzano, respectivamente, explicaba na mañá do  4 de abril, as principais liñas de acción en prol da coordinación de esforzos na defensa dos intereses do multilingüismo no Estado e en Europa, así como do intercambio de experiencias relativas ás diversas áreas de traballo dos procesos de normalización das linguas propias no marco do devandito protocolo de colaboración.

 

Rolda de prensa trala reunión da comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística.

De entre os temas de interese para as políticas de promoción das linguas oficiais abordados na xuntanza celebrada pola comisión de seguimento do Protocolo, destaca o vindeiro informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias; as liñas de actuación dos gobernos na Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD); e o plan de traballo para o ano en curso no marco do protocolo (a concesión do Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado ou o convenio co Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación para o recoñecemento mutuo das probas de acreditación de competencias para o exercicio da profesión de tradutor xurado e intérprete).

Na reunión tamén se expuxeron algúns dos proxectos nos que están a traballar os diferentes gobernos como son os plans de dinamización lingüística do galego na economía e na xuventude; o novo sistema de indicadores do éuscaro; os traballos de adaptación do sistema de acreditación das linguas propias en Valencia e en Navarra ao Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas; ou o Informe de política lingüística de Cataluña correspondente ao ano 2016.

Artigos relacionados

Back to top button