SanidadeÚltima hora

Comeza na provincia a campaña de vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial, Covid e gripe

Mateo, recén vacinado no colo da súa nai Estefanía (no Hospital Público de Ourense).

 

Neste luns vén de iniciarse nos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras, a primeira campaña de inmunización contra o virus respiratorio sincitial (VRS) en bebés, no marco do novo “Calendario de inmunización ao longo de toda a vida” e a dos máis de 6.000 maiores, que viven en residencias, da Gripe e da Covid, esta última por vez primeira incluída xa no calendario estacional.

O VRS é un virus moi frecuente, en nenos e adultos, que infecta os pulmóns e o aparello respiratorio, causando síntomas parecidos aos dun arrefriado. Na maioría das ocasións son episodios banais, pero nos bebés, prematuros ou nenos cun sistema inmunitario debilitado, pode causar unha infección grave, que deriva en pneumonía e bronquiolite. Na actualidade, os virus sincitiais son a causa máis frecuente de ingreso hospitalario dos lactantes, ou dos nenos máis pequenos.

Para protexer aos máis cativos fronte ao VRS empregarase “Nirsevimab”, que por tratarse dun anticorpo consegue unha resposta rápida e directa fronte a enfermidade grave por VRS. Pola súa parte contase con dous tipos de vacinas fronte á gripe. Unha tetravalente para toda a poboación menor de 80 anos, e outra de alta carga para as persoas de 80 e máis anos e para os usuarios das residencias de maiores con 60 ou máis anos. Igualmente a nova vacina fronte á covid-19 é monodose e está adaptada ás cepas circulantes.

700 bebés máis ademais dos nados durante a campaña

Para desenvolver a campaña de inmunización VRS, a Consellería de Sanidade contempla tres escenarios: Desde hoxe, ofertarase a todos os nenos recén nados, antes de deixar o hospital. Así vacinarase, nas primeiras 24-48 horas de vida, a todos os bebés que vaian nacendo nos hospitais de Ourense, Verín e Valdeorras ao longo de toda a campaña, prevista ata o 31 de marzo.

Igualmente 63 nenos/as con condicións de alto risco (como aqueles con cardiopatías conxénitas, displasia broncopulmonar, etc.) e prematuros/as, nados a partir do 1 de outubro de 2022, serán citados no Hospital Universitario de Ourense, o próximo mércores, día 27 de setembro, para recibir, ademais da dose na primeira tempada, outra dose na segunda, sempre e cando non teñan cumpridos os 24 meses.

O terceiro escenario comezará o luns 2 de outubro, data a partir da que se citará aos lactantes nados dende o 1 de abril de 2023 para recibir a súa dose no seu hospital de referencia. Segundo a estimación da Dirección de Saúde Pública, na nosa Área Sanitaria citaranse a partir desta data a 634 nenos e nenas.

Do 2 ao 11 de outubro, citaranse no Hospital Universitario a 549 nenos e nenas, que recibirán a súa dose na Aula de Innovación, na planta 0 do novo edificio de hospitalización. Igualmente, do 2 ao 10 de outubro, citaranse a 46 bebés no Hospital Público de Valdeorras, na biblioteca, e a 39 no de Verín, nas consultas de pediatría.

Os pais e nais comezarán estes días para recibir as mensaxes, vía SMS, do Servizo Galego de Saúde coa cita para a vacinación do seu fillo, igual que se fixo nas campañas de vacinación fronte a Covid, ou nas citas de consultas ou probas.

Campaña COVID-GRIPE

O inicio da campaña de vacinación covid-Gripe será secuencial para favorecer a priorización dos colectivos con maior risco. Así, as persoas residentes en centros de maiores e de discapacidade serán vacinadas a partir de hoxe no seu centro.

Ademais os Servizos de atención primaria administrarán, nas cabeceiras de comarca, a vacina fronte a gripe e a covid-19 ás persoas de 80 e máis anos, que serán citadas proactivamente mediante unha mensaxe de texto. Así mesmo, vacinaranse a domicilio ás persoas inmobilizadas que pertenzan aos grupos diana.

Ao longo do mes de outubro habilitaranse de novo os punto de vacinación central grandes recintos, en Expourense e nos hospitais de Verín e Valdeorras para a vacinación conxunta fronte á gripe e a covid-19 dos menores de 80 anos, que serán citadas de forma proactiva mediante unha mensaxe de texto.

Artigos relacionados

Back to top button