Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

¿Como se elixe a un alcalde?

A xornada electoral do 28 de maio determinará a representación das novas corporacións municipais que, unha vez constituídas, elixirán aos seus alcaldes ou alcaldesas

Foto: Carlos G. Hervella.

 

Recta final da campaña electoral. Apenas quedan unhas horas para o peche destes quince días intensos nos que os partidos políticos presentaron as súas candidaturas e os seus proxectos e pediron o seu apoio á cidadanía que, tras a xornada de reflexión do 27 de maio, poderá emitir o seu voto entre as 9h. e as 20h. do domingo 28 de maio, tempo no que estarán abertas as mesas electorais.

Nese comezará un novo proceso: o do escrutinio e proclamación de concelleiros electos de cada un dos partidos que concorren aos comicios. A partir de aí constituíranse as corporacións municipais en sesión pública o vixésimo día posterior á celebración das eleccións, que neste caso será o 17 de xuño, salvo que se presentase recurso contencioso electoral contra a proclamación dos concelleiros electos, en cuxo suposto se constitúe o cuadraxésimo día posterior ás eleccións, polo tanto, o 7 de xullo.

No caso de non haber maiorías absolutas entran en xogo as negociacións e os posibles pactos para acadar a alcaldía antes da sesión constitutiva.

Na mesma sesión de constitución da Corporación procédese á elección de alcalde ou alcaldesa, de acordo co seguinte procedemento (que se establece na Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral, no artigo 196):

a) Poden ser candidatos todos os concelleiros que encabecen as súas correspondentes listas.

b) Se algún deles obtén a maioría absoluta dos votos dos concelleiros é proclamado electo.

c) Se ningún deles obtén dita maioría é proclamado alcalde o concelleiro que encabece a lista que obtivese maior número de votos no correspondente municipio. En caso de empate resolverase por sorteo.

 

Artigos relacionados

Back to top button