CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

A comunidade educativa de San Cristovo de Cea mobilízase contra os incendios

Unha marcha solidaria percorreu a vila ata a praza Maior onde se leron unha carta e un manifesto

Centos de hectáreas ardidas e ducias de veciños afectados que pasaron a noite do domingo 15 de outubro en vela por ver ameazadas as súas vivendas. Foron as consecuencias da vaga de incendios da pasada semana en San Cristovo de Cea.

Para lembrar a desgracia acontecida no municipio ourensán, na tarde do mércores 25 de outubro unha marcha solidaria percorreu as rúas da localidade ata a praza Maior, onde se xuntou unha boa representación da comunidade educativa do CPI Virxe da Saleta. Alumnado, profesorado e familias xuntáronse para lembrar os lugares afectados polo lume: Pieles, A Pena Veidosa, Oseira, o monte Faro, Silvaboa, Agrosantiño, A Veiga, A Ventela, A Martiñá, A Cabreira, Vales, Tanxil, Mirallos, Vilarello, Casar de María ou Fontelo.

Uxía Vázquez leu a carta escrita polo alumnado de 6º de Primaria, na que se amosaba a “solidariedade con todos os nenos e nenas galegos afectados polos incendios, lembrando o sufrido pola escola de Cea no ano 2010”, explican dende o centro escolar.

O alumnado de 2º de ESO pola súa banda, leu un manifesto poético no que quixeron amosar  “a importancia do coidado dos montes e o total rexeitamento aos lumes sufridos estes pasados días”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button