En portadaÚltima horaVídeos

Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación, con cantos de Reis, no Barco

 

Cunha igrexa de Santa Rita do Barco ateigada de público, principiaba ás 18:30h. desta tarde de 27 de de decembro o “Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación”. Comezaba coa actuación das Siervas de Jesús de Celanova, que interpretaban un rítmico vilancico. Despois, entraba no templo, tocando, a Real Banda de Gaitas da Deputación, interpretando a “Marcha procesional dos Caladiños”, acompañada por integrantes da Banda de gaitas do Bolo e tamén polos violíns de Tatiana Kostomarova e dos seus fillos. Logo viña un saúdo de percusión da banda, seguida do Grupo de Zanfonas da Escola Provincial de Gaitas.

 

 

A partir de aí arrancaba a segunda parte do concerto, dedicada aos cantares populares de Nadal e Reis, que contaban coas actuacións Isabel González de Arcos (Vilamartín de Valdeorras), de Jacinta Fernández de Lentellais (O Bolo), que tamén cantaba xunto as cantareiras da Real Banda e, seguidamente, coas Cantoras de Trives.

 

 

Nesta pate do concerto tamén se homenaxeaba a a Aurora Lolo Rodríguez de Arnado de Oencia (León), unha persoa que se distingue na preservación dos cánticos de tradición oral nesa zona. Chegada dende Barcelona, coa súa familia, recibía a Medalla de Ouro da Real Banda da Deputación de Ourense de mans do director desta formación, Xosé Lois Foxo, e da deputada delegada especial para Valdeorras, María Carmen González. Ademais, as cantareiras da Real Banda de Gaitas da Deputación adicábanselle unha “Suitede cantigas populares galegas” a Aurora Lolo.

 

 

Así mesmo, na terceira parte do concerto interpretábanse unha serie de cantares que forman parte da Égloga Operística Pastora da Serra Sola, por parte da Real Banda coa participación de Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno. Tamén podían escoitarse temas como a “Muiñeira de Woytila”, a “Alborada da Veiga” ou a “Muiñeira de Chantada”.

 

 

Xa na parte final da actuación, tomaba a palabra o parróco do Barco, Jesús Álvarez, que presentaba as dúas últimas pezas do repertorio: o “Himno de Galicia” (coa interpretación do Orfeón Valdeorrés) e o himno de Ourense “Ourense do solpor”, “o mellor broche para este concerto, xa que resumen este percorrido entrañable e musical, no que tamén estiveron as cantareiras que representan a tradición, o coñecemento e a memoria agradecida”. Ademais resaltaba que “a música é un regalo dos homes, pero tamén de Deus” e que nace “do corazón, da alma, dos sentimentos dos seres humanos”.

 

 

Entre os asistentes ao acto estaban tamén o deputado provincial Xosé Miguel Pérez, o alcalde do Barco, Alfredo García, que estaba acompañado por outros membros do grupo de goberno.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella (agás as 5 últimas fotos da galería, que son cedidas).

 

 

Artigos relacionados

Back to top button