ConcellosEconomíaEconomíaÚltima hora

Constitúese en Petín o grupo de traballo do Xeodestino Manzaneda-Trevinca

Durante a xuntanza técnica, a xerente do Inorde facía unha presentación do Plan de Acción aos técnicos ou representantes de Turismo de cada concello

Reunión do grupo de traballo do Xeodestino Manzaneda-Trevinca./ Foto: Inorde.

 

O Salón de Plenos do Concello de Petín acollía onte a constitución do grupo de traballo do Xeodestino Manzaneda –Trevinca para avanzar no seu plan de acción deste ano co que se pretende promocionar e poñer en valor os recursos naturais, patrimoniais e enogastronómicos da zona.

“O obxectivo desta xuntanza é concretar e perfilar as actividades que se desenvolverán dentro deste xeodestino, así como continuar avanzando no plano técnico respecto á planificación de accións para que, unha vez que ratifiquemos o convenio con Turismo de Galicia, xa teñamos realizado todo ese traballo previo”, en palabras da xerente do Inorde, Emma González.Os concellos que integran o xeodestino Manzaneda – Trevinca son A Pobra de Trives, A Veiga, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.

Durante a xuntanza técnica, a xerente do Inorde facía unha presentación do Plan de Acción aos técnicos ou representantes de Turismo de cada concello. E, pola súa parte, cada un dos municipios informou das novidades ou das actividades seleccionadas que queren promocionar dentro da súa oferta turística dos recursos idóneos para promover estruturados nos eixos de: enogastroturismo, patrimonio e cultura, natureza e actividades de turismo activo, turismo familiar e nichos.

Así mesmo, abordouse a proposta de comunicación de cada un dos concellos para a xeración de contidos nas redes sociais, as experiencias que propoñen cada un deles para ser incluídas no programa das viaxes de familiarización e estableceuse un calendario de actividades formativas. Por último, analizouse a enquisa que se propón para realizar en destino como ferramenta que permita extraer datos que axuden na planificación turística da zona.

Artigos relacionados

Back to top button