En portadaÚltima hora

Trives, Manzaneda e San Xoán de Río entran oficialmente no Xeodestino Ribeira Sacra

Así se aprobaba na reunión de onte do Consello da Xunta, que daba luz verde ao mapa de xeodestinos turísticos de Galicia

Vista de viñedos en socalcos na comarca das Terras de Trives./ Foto cedida.

 

Os Concellos Trives, Manzaneda e de San Xoán de Río veñen de recibir con gran satisfacción a nova de que o Consello da Xunta aprobaba onte a súa solicitude de entrada no Xeodestino Ribeira Sacra. O goberno galega daba luz verde na súa reunión ao novo mapa galego de xeodestinos turísticos de Galicia, elaborado por parte de Turismo de Galicia en colaboración cos concellos, ao que se suman 12 novos xeodestinos ata acadar 26 áreas xeográficas diferenciadas.

Así o Xeodestino da Ribeira Sacra inclúe finalmente aos seguintes municipios das provincias de Ourense e Lugo: Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo

Nun comunicado conxunto conxunto os Concellos de Trives e de San Xoán de Río cualifican este día de “histórico para os nosos concellos coa resposta positiva da Xunta de Galicia oficializada no Consello no día de onte”. Din que se trata do “culmen dun traballo iniciado dende o Concello de Trives en xullo de 2019 en cumprimento duna promesa electoral e ao que inmediatamente se sumou o Concello de Río aunando esforzos a loita por un recoñecemento de xustiza para a nosa terra”.

A esta Iniciativa, continúan o comunicado asinado pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, e polo rexedor de Río, Xosé Miguel Pérez; “sumáronse con posterioridade concellos limítrofes veciños cos que colaboramos en todo momento pondo a seu dispor todo o traballo avanzado. Solicitouse dende entón de xeito reiterado polos nosos concellos ante distintas instancias. Logramos ser oficialmente Ribeira Sacra, pero era obrigado loitar porque os nosos concellos contaran tamén coa promoción turística no marco da Ribeira Sacra”.

Sinalan ademais que este recoñecemento “dun arduo traballo feito dende a humildade, pero na conciencia absoluta da importancia do paso dado e a inequívoca convicción de que é unha decisión de xustiza e amparada na identidade da cultura, do patrimonio, a historia… Os nosos concellos contan coa Denominación de Orixe Ribeira Sacra no viño, con mosteiros medievais coma o de San Salvador de Sobrado, co rio Bibei, pero tamén o Nave; coa Fraga de San Xoan de Río, con inscripcións como a da Penalonga en Trives que supuxo un fito e un punto de inflexión para os técnicos da Xunta nas diversas reunións mantidas; o val do Navea, numerosas igrexas e capelas, en definitiva, moitos Bens de Interese Cultural patrimonio da Ribeira Sacra que é de xustiza promocionar como tal e que constituiron un valor engadido na candidatura a Patrimonio da Humanidade que agardamos dea froitos. Numerosas reunións, escritos, estudos e traballo constante dan hoxe oficialmente o seu froito”.

Os Concellos de Trives e de Río consideran que “formar parte dun xeodistino implica a posibilidade de promocionarse turísticamente dentro do mesmo, de agruparse con concellos que comparten identidade e singularidade e fundirse nun obxectivo común. Tamén de beneficiarse dos fondos acadados no PSTD nos que o Goberno Central apostou pola Ribeira Sacra incluíndo aos nosos concellos e aprobou xunto coa Xunta unha partida de dous millóns de euros que agora terá retorno no noso territorio. Todo o froito do diálogo político, de propostas, debates e estudos amparados polo sentido común e o coñecemento profundo da nosa terra e as súas raíces”.

Conclúen o comunicado indicando que se congratulan “de que ao fin, este traballo de máis de tres anos froitifique. É unha boa nova que a Xunta de Galicia atenda a esta importantísima solicitude. Trives e Río son Ribeira Sacra e forman parte xa tamén do Xeodestino Ribeira Sacra. E nos, sentimonos absolutamente reconfortados sabedores de que o traballo ben feito”, din os alcaldes destes municipios.

Artigos relacionados

Back to top button