ConcellosO BarcoÚltima hora

Contos de medo, mulleres, soidade e esperanza, con Paula Carballeira no Barco

Esta narradora oral abría o "IX De Perto", un ciclo adicado á palabra na tarde deste venres no Xardín da Casa Grande de Viloira

 

De soidade e mulleres, pero tamén de medo e de esperanza falaba Paula Carballeira no Xardín da Casa Grande de Viloira (O Barco), na tardiña do 25 de xuño. Esta narradora oral despregaba un rosario de relatos, algúns persoais e outros escoitados, que se movían entre o real e o imaxinado, e que deixaban cun sorriso e certo arrepío ao público da primeira sesión do ciclo “De Perto”, que organiza a Concellería de Cultura barquense.

Unha desas historias chegáballe durante un paseo, despois do confinamento. Nesas tardes que se facían noites camiñando, descubría de que era a sombra que vía xunto ao pazo da localidade na que vive. Foi mercado e rehabilitado por unha mestra que caía polas escaleiras e daba coa cabeza xusto no terceiro chanzo comezando por arriba, o mesmo no que perdía a vida a anterior dona desa casa.

Outra escoitábaa da señora Isolina, que, nunha noite de inverno, entre o zoar do vento e o caer da chuvia, sentía como chamaban insistentemente á porta da súa casa e como o xesto cotiá de erguerse da cama e abrir, cambiábao todo. Quen chamaba a porta era “un emisario da morte” e quen partía era a súa nai.

 

 

Logo viña a historia do barqueiro e do anceio de superar e afastar a soidade, neste caso botando man do canto, como a cantiga coa que finalizaba o conto. Tampouco faltaba un amor imposible, que remataba en traxedia, pero que lograba vencer ao esquecemento; nin unha historia de mulleres que non “queren ser molestadas e non lle teñen medo a nada”, nin unha lenda de raíñas e dragóns que se converten en pedra.

E, como broche deste colar de contos ensarillados de medo e humor, a historia da señora María, quen con 99 anos foi quen de enfrontarse a unha realidade imposta e seguir vivindo a súa vida. Contos, en definitiva, que “son como unha declaración de amor a este oficio de contar historias”, dicía Paula Carballeda neste primeiro encontro coa palabra narrada no IX De Perto.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button