En portadaÚltima hora

Córgomo (Vilamartín) acollerá o acto central do Día das Letras Galegas o 17 de maio

Ademais, un día antes no Barco terá lugar o Concerto das Letras, tal e como anunciaba o presidente da RAG na presentación do programa dos actos

 

“Xa escomenzou o ano de Florencio Delgado Gurriarán, xa está activo, temos iniciativas en marcha e mesmo propostas editoriais”, dicía o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, esta mañá na Coruña na presentación oficial coa que esta entidade homenaxeará ao longo deste 2022 á figura do poeta valdeorrés.

Neste acto estaba acompañado polas académicas Marilar Aleixandre, Margarita Ledo e Fina Casalderrey, así como polo historiador barquense Ricardo Gurriarán como biógrafo do poeta e familiar; por Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio; así como polos alcaldes de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez; e polo do Barco, Alfredo García; e polo presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses (IEV).

“A figura literaria de Florencio Delgado Gurriarán é representantiva dunha xeración”, destacaba o presidente da RAG, e, “por primeira vez as Letras Galegas vixarán ás terras de Valdeorras, ao galego da Galicia oriental”, incidindo ademais na dimensión do exilio do poeta corgomés, “representa as iniciativas que se desenvolven en México durante a guerra civil para manter viva a cultura galega como a revista “Vieiros”, entre outras, emisións de radio, iniciativas políticas… Florencio Delgado Gurriarán estivo en todas elas, ademais de escribir os seus libros”.

Deseguido, Freixanes adiantaba as diversas actividades que se desenvolverán neste 2022 arredor da figura de Delgado Gurriarán, entre alas a da “Primavera das Letras”, que se prevé presentar no colexio de Vilamartín, e dirixida a escolares de infantil e primaria; a do “Portal das Palabras”; ademais dunha serie de microespazos na web da RAG e dunha serie documental.

Por outra banda, o presidente da Academia avanzaba que o acto central do 17 de maio terá lugar en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a aldea natal de Florencio Delgado, contando coas intervencións dos académicos Ramón Villares, Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero; mentres que na véspera, o 16 de maio, celebrarase unha recepción solemne aos académicos e o concerto das Letras no Barco. Outro dos referentes deste ano será o simposio sobre Florencio, que se fará a finais do 2022.

 

 

Nesta presentación tamén tomaban a palabra o historiador Ricardo Gurriarán, quen insistía na importancia do “piar do exilio” na figura do poeta valdeorrés, engadindo ademais que “era un home moi preocupaco por levar máis alá da literatura a lingua, o uso da lingua sempre foi unha teima del e que callou nos que tiña arredor”. Así mesmo, mencionaba a súa “bonhomía, era unha persoa cunhas características humanas moi relevantes, unha sinxeleza e un chegar á xente”. Gurriará concluía asegurando que en México “fixo da comunidade galega un eixo vertebrador de todo tipo de actividades”.

Finalmente, interviña a directora de As Letras de Florencio, quen agradecía o apoio e labor da RAG e anunciaba a publicación dunha antoloxía poética deste autor, “dirixida a todos os públicos”.

Imaxes: RAG.

Artigos relacionados

Back to top button