En portadaEntrevistasÚltima hora

David D. Vázquez: “Amencer dende a penumbra vai ser a miña despedida das letras”

O escritor vilamartinés aborda na súa última novela, recén publicada, a trata de persoas

O escritor valdeorrés David Daniel Vázquez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Despois de varias décadas mergullado entre historias, que ao papel para converter en libros. É é autor de numerosas novelas e contos infantís como “Ninguén nace antetempo”, “Améndoas e flores silvestres”, “Na Solaina”, “Orballo da mañá”, “Cartas desde prisión”, “Siempre en agosto” ou “Brian, o chinés”.

Agora o escritor e mestre xubilado David Daniel Vázquez Álvarez, natural de Arcos (Vilamartín de Valdeorras) vén de pousar o bolígrafo e de gardar o papel. Di que de forma definitiva, pero, non sen antes deixarlle un último agasallo aos seus lectores: “Amencer dende a penumbra” (Círculo Rojo, 2020).

Este novo libro, que pode unicamente mercarse en librerías do Barco e a través de Amazon, sae do prelo tan só unhas semanas despois do galardón logrado por este autor vilamrtinés no certame literario Frei Martín Sarmiento, polo seu libro infantil “Brian, o chinés”.

– ¿Que supón esta nova novela?

Nin tan sequera pensaba que chegase a ver a luz, pero andívose buscando a vida por aí adiante e non sei se foi alá por xaneiro, antes de empezar o coronavirus, dixéronme que se ía publicar. Foi algo así como ese fillo que chega cando non se espera, porque non tiña xa pensado publicala e vai ser a miña despedida das letras.

– ¿Por que?

Simplemente doume conta de que se me acabou esa etapa, a inspiración, pode parecer unha tontería pero é así. Xa levo dous anos e medio sen escribir nada novo, nótase se hai ganas ou non, e para iso hai que ter moitas ganas.

 

Portada da nova novela de David D. Vázquez.

 

– ¿”Amencer dende a penumbra” ten algo que ver con algún dos seus libros anteriores?

Talvez é algo diferente na temática, nalgún momento un pouco dura, aborda a trata de persoas para certos fins. A novela está máis dirixida neste caso cara público xove ou adulto.

– Pero mantén a temática social, algo que sempre aparece en primeiro plano ou ben no trasfondo de todos os seus libros…

Si, igual que a emigración. Creo que a xente das aldeas galegas levamos no sangue o falar ou tocar eses temas, eu polo menos, porque en moitos casos a emigración deixounos sen familias, entón é algo sobre o que a min me apetece escribir para expresar dalgunha maneira o que se sinte, e, dalgún xeito, os personaxes principais están metidos na emigración.

– Tamén neste libro, o galego é a súa lingua literaria.

Si. Teño algúns libros en castelán, pero en galego é onde mellor me expreso e, sen desprestixiar ao castelán, que para min foi a miña lingua tamén durante moitos anos, gústame máis o galego e sinto máis admiración polo galego. E xa vai sendo hora de que os galegos tamén sintamos admiración pola nosa lingua porque fartámonos de presumir de bo marisco, de bo viño, de boas praias, de boas montañas, das casas rurais, e, sen embargo do galego hai moi pouca xente que presuma.

– ¿Onde pode mercarse?

Só está en librerías do Barco. É unha publicación case en plan íntimo, de feito só fixemos 200 exemplares e o resto vai ser a través de Amazon.

– ¿Escribiuno pensando que sería a súa última novela?

Non, de feito crin que xa non ía encontrar o camiño para saír, pero encontreino, e ben, pero non me arrepito de telo escrito, nin este nin os anteriores, ao contrario, síntome ben comigo mesmo por telos feito. Non é unha despedida, simplemente é que non se me dá coller o bolígrafo e poñerme a escribir outra vez. Pero si é certo que hai cousas aí metidas no caixón que están escritas, pero que non teñen encontrado o camiño para saír. Un par delas si que sinto que non o lograran porque eran para nenos.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button