PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez presenta unha iniciativa no Parlamento galego sobre “os falsos casos positivos de brucelose no vacún” no Macizo Central Ourensán

Na súa proposición de lei indica que "dende En Marea consideramos que antes de levar a cabo o sacrificio das vacas haberíase de establecer medidas exhaustivas de control sanitario destes animais co obxectivo de confirmar se verdadeiramente están enfermos"

O deputado de En Marea, Davide Rodríguez, no Parlamento galego.

 

O deputado Davide Rodríguez de Manzaneda, pertencente ao grupo parlamentario mixto na Cámara galega, vén de presentar unha proposición non de lei para o seu debate na Comisión 7ª sobre os falsos casos de positivos en tuberculose no gando vacún”.

No texto da mesma, Rodríguez sinala que nestes últimos meses “están a xurdir varios casos de positividade por tuberculose en gando vacún nos concellos da Comarca do Macizo Central ourensán. O protocolo sanitario establece que estes animais deben de ser sacrificados a partires da primeira análise que reflicta posibilidade de contaxio, incluíndo os “positivos dubidosos”. Namentres, a única proba que certifica cen por cen a presencia de tuberculose no gando é a proba post morten. Unha vez realizada esta e certificando que o animal estaba en boas condicións, atopámonos con que o gandeiro ou gandeira perderon un 60% do valor do animal”, indica.

Ademais sinala que, “segundo vimos observando dende En Marea, só nunha mínima parte destes casos a proba post morten corrobora a existencia de tuberculose. Tamén temos que pór de manifesto a incongruencia de que para un recurso de alzada contra o resultado pode pasar un mes, namentres o expediente obriga a finalizar o proceso en 15 días, podendo o ou a gandeira enfrontarse a multas que van dende os 3.000 e os 60.000 euros”.

Neste senso, na súa iniciativa o deputado asegura que “cómpre levar ao extremo o control sanitario do noso gando, e iso habería de incluír a aplicación de probas realmente fiábeis para a detección das posíbeis
enfermidades e non movernos nos casos de “supostos”, que en numerosas ocasións acaban supoñendo unha perda económica inxusta para as explotacións, nomeadamente do sector lácteo, agravando inda máis a actual situación”.

E engande que dende “En Marea detectamos a necesidade do establecemento de procedementos de control sanitario rigorosos para manter nas mellores condicións sanitarias a nosa cabana gandeira. Consideramos que antes de levar a cabo o sacrificio das vacas haberíase de establecer medidas exhaustivas de control sanitario destes animais co obxectivo de confirmar se verdadeiramente están enfermos”.

Neste senso, a proposición non de lei presentada por Davide Rodríguez conclúe pedindo que o Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a: “suspender a marcaxe e o posterior sacrificio dos animais que deron positivo “dubidoso” en canto non se acade un novo protocolo de actuación por parte da consellería e do responsable de sanidade animal”, a “realizar novas probas, dado que non se están a facer correctamente en moito casos, e que ademais temos constancia de que só o 0,01 dos casos de vacas dubidosas de tuberculose dá positivo na análise post mortem, o que demostra a escasa fiabilidade das probas actuais”.

E, “no caso que se confirmen as vacas positivas, solicitamos que se lle dea a posibilidade ao/á gandeiro/a de elixir o tipo de sacrificio (selectivo ou baleirado) e coas mesmas indemnizacións (indemnización por animal sacrificado e lucro cesante)”, “que no baremo que se usa para indemnizar os animais se teñan en conta, ademais da idade, tipo de animal, xenética, raza, tipo de explotación –intensiva, extensiva ou ecolóxica”, “cubrir os gastos de desprazamento dos animais dentro das axudas a os custes, xa que esta, non deixa de ser unha obriga imposta de sacrificio aínda que despois dea negativo en matadoiro”, “implementar un plan de control de fauna salvaxe para controlar a transmisión da tuberculose, xa que estes animais son reserva da micobacteria” e “informar ós interesados de cal é o protocolo real e completo a seguir para tentar controlar a enfermidade, xa que existe actualmente unha clara diversidade de criterios de aplicación, creando incertidume nos afectados”.

Tamén se pide na proposición “continuar cun programa de saneamento anual, claro e ben regulado, para evitar posibles problemas futuros respecto á enfermidade, aínda que se declare Galiza libre de tuberculose (está claro que os gandeiros son os primeiros interesados en ter explotacións sans)”, “realizar un maior control sobre reses traídas doutras comunidades autónomas, xa que cada comunidade aplica o control da enfermidade de maneira diferente, así como das traídas doutros países, onde pode non existir nin o control da enfermidade. Débense ter en conta a aplicación de corentenas reais si existen en movementos de gando deste tipo”.

Ademais a iniciativa deste parlamentario de Manzaneda solicita a “desaparición do marcado previo dun animal que tras aplicación total das probas existentes acabe resultando como san, xa que automaticamente xera unha perda de valor inxustificada nesa res”, e, “en caso de sacrificio e posterior resultado como san, o animal debe ser indemnizado cun valor axeitado ó real, e non ser pagado como animal enfermo”. Finalmente, demándase, “retirar os descontos aplicados ás compensacións estipuladas por lucro cesante dos importes cobrados polo gandeiro por parte de seguros contratados a título particular”.

Artigos relacionados

Back to top button