CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima hora

Dous valdeorreses, premiados no X Encontro da Mocidade Investigadora en Santiago

Bruno Delgado lograba a distinción ao mellor póster por voto dos asistentes a este foro e Carla Trincado o premio ao mellor póster por voto do comité organizador

Bruno Delgado, lograba o premio ao mellor póster por voto demoscópico./ Cedida.

 

Favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento. Con este obxectivo celebrábase os días 12 e 13 de xuño o X Encontro da Mocidade Investigadora, na Facultade de Ciencias Económica e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Nel participaban máis de 200 estudantes, entre os que había mozos valdeorreses.

“O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, o que sen dúbida constitúe unha experiencia enriquecedora para tódolos doutorandos e doutorandas que se animen a participar. Así mesmo, o programa contempla a entrega de premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura)”, explican dende a USC.

O encontro permitía aos participantes expoñer, ou ben mediante a elaboración dun póster científico ou ben a través dunha comunicación oral, a temática e resultados do seu traballo de investigación.
De entre todas as áreas de coñecemento, o valdeorrés Bruno Delgado González, da área de Química, recibía o premio ao mellor póster tras os resultados da votación dos asistentes (voto demoscópico); mentres que a tamén valdeorresa Carla Trincado Rodríguez, da área de Humanidades, lograba o premio ao mellor póster polo voto do comité organizador do encontro.

 

Carla Trincado recibía o premio ao mellor póster por voto co comité organizador do encontro./ Cedida.

 

Os traballos premiados

Sobre “Vectores Polimericos para Terapia Xénica” (A Combinatorial Approach to Dendritic Vehicles for Gene Delivery) versa o póster co que participaba no encontro Bruno Delgado. “Nesta investigación o que facemos é deseñar novas estruturas poliméricas capaces de encapsular xenes no seu interior e transportalos ao lugar biolóxico de interese”, explica o seu autor.

Pola súa banda, Carla Trincado presentaba o traballo “Autoridade feminina na Idade Media: a rexinalidade e as súas novas vías de estudo”. A tématica desta investigación “céntrase en poñer en valor o importante papel das raíñas e infantas nas monarquías medievais, incluíndo a historia das mulleres nun ámbito que tradicionalmente se asociou exclusivamente ao ámbito masculino”, explica esta historiadora.

Artigos relacionados

Back to top button