CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Dúas alumnas e dous profesores do IES Lauro Olmo do Barco comezan a súa andaina internacional co programa Erasmus+

 

Logo de obter o curso pasado a acreditación Erasmus+ que permite acceder a fondos anualmente para mobilidades de alumnado e profesorado noutros países, o IES Lauro Olmo do Barco inicia este curso a súa participación no programa, en concreto nos sectores de ESO, Bacharelato e ciclos básico e medio de FP.

As primeiras alumnas en participar son Lorena e Zaira, do ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, que durante este mes de novembro e metade de decembro realizan parte da súa Formación en Centros de Traballo (FCT) en Braga (Portugal), nun centro de día de persoas maiores e nunha asociación de persoas con discapacidade intelectual.

En canto ao profesorado, Luis e Rubén, profesores da familia de Transporte e Mantemento de Vehículos, son tamén uns dos primeiros participantes. En concreto estiveron a semana pasada en Alemaña, na zona de Frankfurt, aprendendo a través da observación sobre diferentes formas de traballo nun instituto e nun taller de vehículos.

 

Lorena no Centro de Día en Portugal.

 

Ademais en secundaria (4º ESO), nos próximos días, o centro recibirá durante unha semana a visita dun grupo italiano, nun intercambio con acollemento en familias no que o alumnado do Barco irá uns meses despois a un centro educativo da cidade de Potenza (rexión de Basilicata). 

No programa Erasmus+ as actividades nas que se pode participar son variadas, como mobilidades en grupo ou individuais en institutos para alumnado de secundaria e bacharelato, de formación en centros de traballo para o alumnado de FP, ou de aprendizaxe noutras escolas ou organizacións para o profesorado”. 

 

Zaira na Asociación de Discapacidade en Portugal.

 

O equipo Erasmus do IES Lauro Olmo leva as xestións coa idea de “comezar con poucas mobilidades para despois poder ir ofrecendo máis, unha das vantaxes do programa nestes niveis educativos de secundaria e FP de grao medio é que os gastos están cubertos cunha beca o suficientemente ampla, o que permite que sexa máis accesible para máis persoas”, explican dende o Instituto, destacando que así mesmo “acollemos alumnado e profesorado doutros países, o que supón unha experiencia igualmente enriquecedora”. Nun futuro non descartan ampliar a outros sectores educativos como os ciclos de formación profesional de grao superior ou a educación secundaria de persoas adultas. 

Entre as prioridades do programa Erasmus+ 2021-2027 están a inclusión e a diversidade, a transformación dixital, a participación na vida democrática, o medio ambiente e a loita contra o cambio climático.

O programa Erasmus+ é xestionado por parte do Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE), organismo público adscrito ao Ministerio de Universidades que actúa como Axencia Nacional do programa nos ámbitos da educación e a formación.

Fotos: IES Lauro Olmo.

Artigos relacionados

Back to top button