EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

En marcha o proceso electoral para renovar 15 consellos reguladores galegos do ámbito agroalimentario

Entres eles están os das DD.OO. Valdeorras, Ribeira Sacra, Ribeiro e Monterrei e o da IXP Castaña de Galicia

Imaxe da reunión cos representantes dos consellos reguladores.

 

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, mantivo hoxe no Pazo de Quián un encontro cos representantes dos 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego que van ver renovados os seus órganos de goberno, en virtude da orde publicada o pasado 10 de novembro no Diario Oficial de Galicia (DOG). Alí, detalloulles as fases e datas previstas no proceso electoral que permitirá garantir o correcto funcionamento destas entidades como xestoras das denominacións de orixe, das indicacións xeográficas protexidas e da agricultura ecolóxica galegas, afianzando a súa protección e promoción.

En concreto, convócanse eleccións para a renovación dos órganos de goberno dos consellos reguladores das denominacións de orixe protexidas (DOP) vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras; do Consello Regulador das indicacións xeográficas (IX) das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia; dos consellos reguladores das DOP dos queixos Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla e San Simón da Costa; dos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Pataca de Galicia, Mel de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia; do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia e do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Segundo explicou o director, o proceso electoral está en marcha e hoxe mesmo finaliza o prazo para que as organizacións profesionais agrarias, asociacións e cooperativas e as súas asociacións, relacionadas coa actividade das denominacións de calidade para as que se convocan eleccións, poidan presentar candidaturas a vogais da Xunta Electoral.

O próximo 21 de novembro procederase á designación dos membros da Xunta Electoral, mediante resolución do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Contra a dita designación poderase interpor, ata o 23 de novembro como tarde, recurso ante o conselleiro do Medio Rural, que resolverá a máis tardar o día 28 dese mes. O calendario prevé que o día 30 de novembro se constitúa a Xunta Electoral.

Canto aos censos electorais, deberán ser elaborados por cada consello regulador axustándose ao modelo que figura na orde e téndoos expostos nos lugares que se indican entre o 2 e o 14 de decembro. Durante o citado período de exposición, os interesados poderán formular reclamacións ante o correspondente consello regulador, que deberá resolvelas o 21 de decembro como tarde. Contra as ditas resolucións, os interesados, con data límite o 26 de decembro, poderán formular recurso ante a Xunta Electoral, a cal resolverá a máis tardar o día 3 de xaneiro de 2023. Unha vez resoltas as reclamacións e recursos presentados, procederase á exposición dos censos definitivos.

En relación ás candidaturas, entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro -ambos inclusive- poderán presentarse candidaturas ante cada consello regulador e o día 27 de xaneiro a Xunta Electoral fará a súa proclamación definitiva. Unha vez que a Xunta Electoral proclame as candidaturas, se a totalidade das correspondentes a un censo ou subcenso chegan a un acordo na repartición das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo ou subcenso e a Xunta Electoral proclamará como vogais os candidatos propostos. O dito acordo deberá presentarse ante a Xunta Electoral a máis tardar o 2 de febreiro e virá subscrito polos representantes de cada candidatura.

Ao respecto da campaña electoral, arrancará o 3 de febreiro e finalizará o día 17 dese mes, para dar paso ás votacións o 19. O 21 de febreiro proclamaranse os vogais electos pola Xunta Electoral e, tras a presentación e resolución dos pertinentes recursos -se os houbese- a toma de posesión producirase entre os días 27 de febreiro e 10 de marzo de 2023.

Consellos reguladores prorrogados

Os órganos de goberno doutros 11 consellos reguladores quedan prorrogados, dado o seu escaso número de inscritos (pouco máis do 2% do total de operadores en réximes de calidade) e baixo volume de actividade (inferior ao 0,5% do total das producións con selo), o que dificulta a formación de candidaturas.

Trátase dos das DOP Cebreiro e Pemento de Herbón e os dos consellos reguladores das IXP Lacón Gallego, Faba de Lourenzá, Grelos de Galicia, Tarta de Santiago, Pemento do Couto, Pemento da Arnoia, Pemento de Oímbra, Pemento de Mougán e Pan Galego.

Artigos relacionados

Back to top button