OurenseÚltima hora

Enciña da Lastra, Invernadeiro e Xurés, entre os 12 espazos naturais do Programa de Voluntariado ambiental interxeracional

Dende mañá as persoas interesadas en participar neste programa poderán inscribirse na páxina web www.voluntariado.gal

Vista de Covas (Rubiá), no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Mañá abrirase o prazo para inscribirse no Programa de voluntariado ambiental interxeracional en 12 espazos naturais de Galicia. Esta iniciativa gratuíta ofrece un completo programa de actividades que impulsan o respecto e o coidado por un dos grandes tesouros de Galicia, o seu patrimonio natural.

Nesta segunda edición da iniciativa, posta en marcha polas Consellerías de Política Social e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, increméntanse as prazas nun 18% ata acadar as 270 logo do éxito acadado por esta proposta na súa primeira edición. Serán un total de 20 actuacións que se levarán a cabo todas as fins de semana desde o 29 de abril ata o 11 de setembro. A primeira cita será na Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel Xeoparque Montañas do Courel.

Están programadas accións nos parques naturais do Invernadeiro (Vilariño de Conso), Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) , Monte Aloia, e Fragas do Eume; e nas reservas da biosfera Terras do Miño, na do Río Eo, Oscos e Terras do Burón, na das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e na Transfronteiriza do Xurés-Gêres, na Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, e na reserva Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá. Ademais, haberá actuacións no Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés e no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Os escenarios serán, polo tanto, 12 espazos naturais que compoñen o rico patrimonio natural de Galicia.

En cada un deles o traballo dos participantes centrarase na realización de tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras ou catalogación de fauna e flora. Ademais, o programa procura fomentar a cooperación e o traballo desinteresado desde unha perspectiva interxeracional.

Inscrición

As persoas interesadas en inscribirse nesta segunda edición do Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional poden facelo a través do espazo habilitado na páxina web www.voluntariado.gal a partir das 12.00 horas. Os únicos requisitos para participar neste programa autonómico son ter cumprido os 18 anos, residir na Comunidade Autónoma de Galicia e cumprimentar o formulario que se atopa na páxina web. A selección realizarase por rigoroso orde de inscrición.

A Xunta de Galicia cubre os gastos de desprazamento (autobús desde Santiago de Compostela e/ou barco), manutención, aloxamento, seguros e actividades formativas. Cada participante debe levar os útiles de aseo persoal e toalla, así como a vestimenta axeitada para as actividades ao aire libre.

Artigos relacionados

Back to top button