Un día antes do previsto por mor da previsión de intensas chuvias para o domingo, na mañá deste sábado 30 de outubro celebrábase a segunda ruta enocultural organizada pola Oficina de Turismo Valdeorras para coñecer A Rúa no outono. Unha actividade na que se mestura a paisaxe, o viño e a historia desta localidade valdeorresa e á que asistían unha quincena de persoas.
Igual que na primera, o campo de San Roque, diante do cruceiro, era o punto de partida desta andaina de outono que levaría aos participantes ao longo de case 4 quilómetros por boa parte do val da Rúa, a carón do río Sil e entre viñedos.
Con pequenas pincelas de historia (sobre a orixe do nome da Rúa, a pegada romana ou a chegada do ferrocarril) aportadas por Luis Carrón, a ruta pasaba por zonas como A Reza, para visitar o viñedo A Veiguiña de Joaquín Rebolledo, un dos máis singulares e destacados do val, no que Soledad Figueroa, responsable da Oficina de Turismo, explicaba aos camiñantes a historia do Plan REVIVAL (Reestruturación do Viñedo en Valdeorras), clave para a recuperación da variedade godello en Valdeorras.
O paseo continuaba rumbo ao Aguillón onde tiña lugar a cata de viños de Joaquín Rebolledo (un godello e un mencía) acompañado de empanadas da panadería Tabal, todo produción local. “A idea é, non só promocionar e dar a coñecer A Rúa, senón apostar polos produtos da zona”, explica Soledad, satisfeita co resultado da iniciativa e adiantando que de cara ao futuro abrirán as actividades a toda a comarca.
De feito, para a vindeira fin de semana, o 6 de novembro, teñen programada unha nova ruta, desta volta ata Larouco. Será unha andaina duns 10 quilómetros vinculada á Vía Nova, con saída na Ponte da Cigarrosa ás 15:30 horas e magosto na Panadería O Noso Capricho, de Larouco.
Fotos: Mónica G. Bellver