O partido socialista quédase con dous deputados, os mesmos que En Marea, mentres o BNG mantén o escano que tiña co 90,40% escrutado
Era un dos seus obxectivos e cumpríano. O PP ourensán vén de incrementar a súa presenza no Parlamento de Galicia ao acadar nove deputados nas eleccións autonómicas do 25 de setembro. Conseguía 91.922 votos na provincia, o que supón o 53,13% dos sufraxios emitidos, co 99,40% dos sufraxios escrutados e segundo os datos da Xunta de Galicia. “Comezamos a campaña electoral marcándonos tres obxectivos: que Núñez Feijóo fose presidente con maioría absoluta do PP, e conseguímolo. Acadar o 50% dos votos da provincia e estamos no 53% e manter oito escanos, e estamos en nove. Ademais o PP ganou en 88 dos 92 concellos da provincia. É un motivo para estar tremendamente orgulloso. Son uns resultados históricos que ninguén conseguiu en Ourense”, dicía na noite electoral o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar.
Ademais agradecía o apoio do equipo de persoas que fixeron posible esta campaña, “con máis de 300 actos. Este é un triunfo de todos pero, fundalmentalmente de Ourense”. Tiña unha mención especial para o comité de campaña, “magnificamente dirixido por Rosendo Fernández” e para “a excelente candidatura que liderou Marisol Díaz”.
Estes resultados implican tamén que Valdeorras terá novamente representación na Cámara galega da man de Moisés Blanco Paradelo, quen afrontará a súa segunda lexislatura como deputado.
Por contra, o PSdeG-PSOE sufría un varapalo ao perder dous dos catro deputados cos que contaba na anterior lexislatura, sumando 30.519 votos. Se ben isto está pendente do escrutinio 100% do escrutinio, que podería modificar o seu número de escanos.
A súa cabeza de lista na provincia, Noela Blanco, sinalaba que o partido socialista manterá unha “serena reflexión” para entender os resultados e deixaba a porta aberta á esperanza: “este é un partido con moita historia e imos conseguir remontar esta situación”.
Tamén comparecía para valorar os resultados electorais Raúl Fernández, número dous da lista , indicando que “asumimos os resultados, houbo unha baixada importante en número de votos e en deputados”, se ben apostaba por seguir traballando porque “hai moita xente con necesidades que necesitan dun partido socialista forte”.
Pola súa banda, En Marea acada dous escanos no Parlamento galego con 23.793 votos.
Ademais e o BNG consegue manter o deputado que tiña na anterior lexislatura, con 10.452 votos e o 6,04% dos sufraxios emitidos. Estes datos son co 99,40% dos votos escrutados e no caso do BNG podería haber algunha variación.
A cuarta forza política que conseguía maior representación na provincia de Ourense era Democracia Ourensa (DO) con 7.635 votos e o 4,41% dos sufraxios, datos ao 99,40% do escrutado na provincia.
Os datos tamén amosan que o PP impúxose de maneira clara na práctica totalidade dos concellos ourensáns, pero con excepcións como a de Parada de Sil onde o PSdeG-PSOE conseguía o 40,49% dos votos e a de Vilar de Santos onde era En Marea o partido maioritario co 48,95% dos votos.