Os dous lumes rexistrados nas últimas horas no concello de Vilariño de Conso están estabilizados, tras comezar a pasada noite con tres focos cada un deles, segundo informa a Consellería do Medio Rural.
Así, na parroquia de Castiñeira quedou estabilizado ás 11:27 h. o lume que comezaba ás 21:34 h. da pasada noite. Tras a medición con GPS, a superficie afectada é de 16,42 hectáreas de monte raso. No seu control levan traballado 7 axentes, 12 brigadas, 3 motobombas e 2 pas.
Por outra banda, na parroquia de San Cristovo permanece estabilizado dende as 07:02 h. desta mañá o lume rexistrado onte ás 22:41 h. Segundo as medicións con GPS, a superficie afectada é de 45,39 hectáreas de monte raso. No seu control levan participado 2 axentes, 4 brigadas, 3 motobombas e 1 pa.
Chandrexa de Queixa
Así mesmo, permanece estabilizado dende as 02:07 h. desta madrugada o lume que comezaba ás 16:43 h. da tarde de onte no concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Queixa. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 40 hectáreas. No control deste lume levan participado 5 axentes, 17 brigadas, 6 motobombas, 3 pas, 9 helicópteros e 2 avións.
Riós
Ademais foi extinguido ás 10:15 h. desta mañá o lume de Riós, parroquia de Castrelo de Abaixo, tras comezar o xoves ás 23:05 h. da noite. A superficie afectada final foi de 30,83 hectáreas de monte raso. Na extinción do incendio mobilizáronse 7 axentes, 17 brigadas e 9 motobombas.