EntrevistasÚltima hora

Estrella Naseiro: “Os meus contos non son para ler, senón para xerar un diálogo cos nenos”

Durante o confinamento esta creadora vilalbesa escribía e ilustraba “Mellor da casa”, un feixe de historias para explicarlles aos máis pequenos a situación derivada do Covid. Despois chegaba “Mellor con sentidiño. Conto para despois do confinamento”

Estrella Naseiro cun dos personaxes dos seus contos, Dona Cafeteira.

 

Primeiro foron os personaxes: o capitán Superxabón, a esponxa Pepiño, dona Cafeteira, don Platón… Nacían dos obxectos, de situacións ou elementos puramente cotiás. E, logo, chegaron as súas historias. Relatos, para nenos e maiores, que falan de como previr e protexerse fronte ao Covid, do confinamento e, tamén, da “nova normalidade”. Contos que a creadora vilalbesa Estrella Naseiro plasmou en palabras e imaxes en dous libriños moi especiais: “ Mellor na casa” e “Mellor con sentidiño”.

Detrás de cada personaxe, hai humor, pero tamén mensaxes para todas as idades en cuestións como a saúde, o medio ambiente, a educación, o deporte ou mesmo a responsabilidade. Ademais, Estrella Naseiro di que estes personaxes viñeron para quedar, alomenos un tempo, e promete novas historias que volverá compartir moi pronto con lectores de todas as idades.

– ¿Como xurde a idea de “Mellor na casa”, o primeiro destes contos en tempos de Covid?

Foi de forma espontánea, ao estar tanto tempo confinados, de feito esa foi a primeira vez que fixen este tipo de montaxes e arredor delas teño moitas anécdotas… Pensei, ¿como entenderán os nenos esta situación nova que estamos vivindo? E, coa miña creatividade, empecei a humanizar as cousas que tiña pola casa e de aí foi xurdindo o conto. E dun personaxe foi saindo outro. Primeiro fixeno coa idea de explicar o que era o virus e entrar no mundo infantil a través do capitán Superxabón.

– É dicir, comezou polos personaxes…

Si, primeiro ocurríuseme facer os personaxes e despois veu o texto. Gústame personificalos e conseguir que ao miralos non vexas unha vasoira, senón ao personaxe en si. Tampouco son contos contos, os personaxes servíanme para explicar por que había que estar na casa, como estudaban por internet, como os avós e o resto da familia facían diferentes actividades… para que, desta maneira, os cativos foran entendendo a situación un pouco mellor.

 

Superxabón, nunha das imaxes do conto “Mellor na casa”.

 

– ¿Que tipo de contos son entón?

Non son contos para ler, senón para falar, para xerar unha conversa porque cada personaxe, cada páxina dá pé a entablar un diálogo cos nenos. Falas de deporte, de alimentación, de filosofía, de diferentes traballos, de como aprender a valorar as cousas, o traballo manual, a reciclaxe… Por iso digo tamén que son para ler coa familia, son contos familiares para nenos de todas as idades. De feito os adultos que os leron cóntanme que comezaron a lelos para os nenos e que se foron quedando enganchados.

– E tras o confinamento chegou, digamos unha segunda, parte “Mellor con sentidiño”, ¿por que?

Cando rematou ao confinamento a xente que lera o primeiro conto conto preguntábame ¿e agora que? ¿que van facer todos eses personaxes? E eu respondíalles, pois, veremos a ver, cando me vaian contando eles xa farei outro conto. E os personaxes, ao poder saír, esparexéronse máis, están máis vivos e iso tamén se ve nas fotos nas que aparece xente por detrás

– Nos contos ten un protagonismo especial as fotografías, as montaxes que hai en cada unha delas.

Si, de feito fixen máis de mil fotos para os dous contos. Ti podes ter unha idea, pero despois non é tan doado poñela en práctica. No verán, cando xa se podía saír, levaba os bonecos comigo e cando chegaba a un sitio que vía que me gustaba, pois colocábaos, pero ao mellor non había luz dabondo, ou non podía situalos como tiña pensado, entón detrás de cada foto hai moito making off e teño fotos simpatiquísimas… Por exemplo, a foto de Don Platón fun facela ao instituto onde estudei en Vilalba, a do coro dos cepillos está tomada no Paseo do Malecón do Barco.

– ¿Todos os personaxes están feitos con cousas que tiña na casa?

Absolutamente todos. O que pasa é ás veces temos na casa cousas que non sabemos ata onde poden chegar. Cando apareceu don Cociño ía facer pasta fresca, tiña tamén o brócoli, ¡e así xurdiu!

– Os personaxes seguen moi vivos, ¿haberá novas historias?

Si, haberá máis partes e haberá personaxes novos porque uns e outros van traendo aos amigos e aos coñecidos.

Texto: A.R.
Fotos cedidas por Estrella Naseiro

Ambos contos poden lerse aquí:

Conto 1

“Mellor con sentidiño”. Conto para despois do confinamento

Artigos relacionados

Back to top button