En portadaEntrevistasÚltima hora

Eva Piay Fernández: “Non me gusta condicionarme pola disciplina artística”

Esta creadora, natural de Rubiá, vén de ganar o XVIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración

A artista valdeorresa Eva Piay./ Foto cedida.

 

De cativa gustábanlle os libros que tiñan máis debuxos que texto. “Era moi afeccionada aos libros ilustrados, e xa na adolescencia deume por coleccionalos, sobre todo os de determinados autores. Fixábame moito nas súas ilustracións e copiábaas, pero nunca se me pasara pola cabeza que igual podía dedicarme a isto, de feito, cursei un bacharelato que non era o de Artes”, confesa a creadora valdeorresa Eva Piay Fernández (Rubiá, 1999). Non foi ata facer a selectividade cando decidía dar o paso cara as Belas Artes. “Púxenme a ver os plans de estudos das diferentes carreiras e non me gustaba ningún, non podía imaxinarme en ningún que non fose o de Belas Artes, así que comecei a estudar a carreira en Valencia no 2017 e a verdade é que non podo estar máis contenta”.

Dende entón compaxina os estudos coa participación con ilustracións e banda deseñada en varias revistas e fanzines. Ademais colabora con escritoras, concellos e organizacións en traballos de ilustración e cartelería. Neste outubro ganaba o XVIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración, organizado pola Deputación de Ourense e dotado con 1.500 euros.

Así, o traballo de Eva Piay ilustrará o libro O clube de coleccionistas de selos, de Pablo Nogueira Campo, gañador deste mesmo certame na modalidade de narración. O xurado resaltaba que “as imaxes son moi estéticas e acabadas” e incidía “nos seus amplos planos que dan lugar á imaxinación, ofrecendo panorámicas e contextos diversos, e que representan perfectamente a idea da diversidade que ofrece a narración”.

A creadora valdeorresa amosa a súa satisfacción polo premio e destaca que “facer ilustracións é un traballo que agradezo moito, e xa que o premien é un plus, está moi ben”. Tamén lle gustaría que en Valdeorras se derá máis visibilidade aos artistas desta arte e tamén da banda deseñada a través de iniciativas como exposicións.

 

Cómic “cazasaltóns” páxina 2 de 4 – Eva Piay 2020.

 

 

Móveste no campo da ilustración, pero tamén no da banda deseñada, no da cerámica, na pintura…

Si, igual me apetece crear unha escultura como realizar ilustración coas esculturas que faga, ou ilustrar un libro tridimensionalmente, para min todo é interdisciplinar. O importante é atopar o que mellor se adapte ao proxecto ao que te estás enfrontando. Non me gusta condicionarme pola disciplina artística, prefiro moverme no conxunto das técnicas e entre todas as posibilidades xa que, dese xeito, é máis fácil de atopar o que expresa mellor aquilo que o proxecto pide.

¿Como defines entón a túa forma de traballar, o teu estilo?

Co tempo estoume decatando de que, en realidade, non presto moita atención ao estilo, non busco un acabado que se pareza ao que fixen anteriormente. Pero é certo que despois a xente dime que se nota que é un traballo meu, aínda que se trate doutra técnica ou doutra disciplina totalmente diferente, distinguen que é unha obra miña. Se es sinceiro ao enfrontarte ao traballo, iso nótase. Se te estás expresando, por moito que queiras representar outras cousas, non podes finxir que non es ti para facer algo distinto.

 

Eva Piay e Laura Bono (2) do proxento ‘cando morra, se é que morro!’ 2021.

 

¿Cales son os teus referentes artísticos?

Despois de catro anos de carreira podería citar moitos, por exemplo, os expresionistas de diferentes épocas. Se falamos xa de artistas contemporáneos, citaría en instalacións e na arte máis interdisciplinar a unha galega que está tamén en Valencia, Marina González Guerreiro; en banda deseñada e ilustración a Cristian F. Caruncho, tamén galego; e a Julia Lago, que é unha debuxante de cómics. Xa en cerámica está Nuria Figueiredo, unha moza que ten un taller de cerámica en Pontevedra. Son referentes galegos que me gustan e que me inspiran sempre.

¿Como ilustradora e debuxante botas man do lápis e do caderno ou traballas de forma dixital?

Teño cómics en dixital, pero normalmente fágoo así cando dispoño de menos tempo ou cando estou probando cousas porque si que me gusta traballar en analóxico. E aínda que o traballo sexa en dixital, busco que teña algo de analóxico, por exemplo, texturas. Como co dixital non se pode pintar a pincel, eu o que fago é pintar varios folios a pincel, de forme que se vexa o rexistro da pincelada ou as texturas do lápis, para despois escanear iso e usalo como texturas dixitais.

 

Cartografía do xabarín – Eva Piay 2020.

 

¿Como utilizas a cor na ilustración?

Ata hai menos dun ano asustábame coller a cor, pero solteime e agora acostumo coller unha cor guía, por exemplo, a verde, e logo métolle unha complementaria de vermello, e funciona moi ben. A maioría dos meus cómics son azuis e cun pouco de laranxa, ou verdes e cun pouco de vermello, sempre recurro aos complementarios. É case todo monocromo, e logo busco os detalles que poidan saír na cor complementaria, gústame facer iso, é como un exercicio mental.

¿E como foi o proceso de creación das ilustracións ganadoras do Premio “Pura e Dora Vázquez, no que había un texto de partida?

Neste caso era o texto dunha novela xuvenil, dividida en capítulos, e había que facer un determinado número de ilustracións. Primero elixín en que capítulos se ían colocalas e en cales non. Ademais tiñan que ser unhas ilustracións bastante descritivas porque era un traballo para para preadolescentes, así que lin os capítulos e comecei a facer esquemas de composición e esbozos no caderno coas primeiras ideas que me viñan á cabeza ao ler. Eu creo que a primeira idea sempre é a mellor, podes darlle moitas voltas, pero ao final sempre volves a ela.

Nese caso, fixen o traballo en dixital, así que escaneei os debuxos do caderno e, a continuación, coloreeinos co programa dixital. Foi un proceso de pensar, facer e terminar, pero eu pásoo moi ben. Asocio moito o traballo de ilustración cun oficio artesán.

 

Apuntes do caderno da vendima – Eva Piay 2020.

 

¿Que che gustaría facer cando remates? ¿vas tirar pola ilustración?

Quero tirar por todo, tamén teño épocas nas que vou máis polos cómics, outras de esculturas… Vou escoitándome para ver que me apetece facer, pero é certo que para ganarse a vida a ilustración, dentro do campo da arte, é o máis agradecido. Penso que é un oficio precioso e do que desfruto moito, ademais coa ilustración entras directamente á casa da xente a través dos libros. A escultura e, en xeral, os traballos de cerámica que fago son máis para min.

Texto: A.R.
Fotos cedidas por Eva Piay.

Máis información no Instagram: https://www.instagram.com/eva.piay/?hl=es

 

Portada fanzine ‘Herbas curandeiras’ Eva Piay e Elisa Fernández (argallando) 2021.

 

Artigos relacionados

Back to top button