Era unha persoa moi coñecida no Barco, unha vila na que nacía hai 84 anos. Fillo de Tertuliano Hervella, Antonio Hervella Martínez exerceu unha gran actividade política tanto a nivel local, sendo alcalde do Barco (entre os anos 1983 e 1987 por Alianza Popular), ademais de concelleiro (ata o ano 2003, nestes últimos anos xa por Coalición Galega e na oposición) e o primeiro presidente da Mancomunidade de Valdeorras (é un dos seus promotores), como tamén a nivel provincial, como deputado; e xa no ámbito galego, como asesor da Consellería de Agricultura; e no estatal, sendo elixido senador pola provincia de Ourense co PP (1993-1996).
Antonio Hervella, máis coñecido na súa vila como “Toni”, foi na súa mocidade futbolista. Casou despois con Aurelia Garrido “Lela”, que era mestra, e tivo tres fillos: Antonio, Pedro e Miriam.
Estaba ademais moi implicado na vida social e cultural do seu pobo, participando en diversas asociacións e entidades. Foi membro da Confraría de San Francisco Blanco de Outarelo, a cuxa festa acostumaba acudir cada mes de febreiro, e era tamén coñecido polo seu bo facer na cociña, así como por ser un excelente anfitrión.
Antonio Hervella falecía onte, 1 de xaneiro. Está sendo velado no Tanatorio Santa Rita e o seu funeral terá lugar este xoves 2 de xaneiro ás 17h. na igrexa de Santa Rita do Barco. A continuación será soterrado no cemiterio municipal.
Dende o Concello do Barco vén de emitirse un comunicado para expresar as condolencias da Corporación “aos seus familiares, achegados e amigos, e lembrar ao mesmo tempo o traballo que realizou durante a súa etapa como alcalde, así como nos anos nos que exerceu como deputado provincial e senador”.