ConcellosManzanedaÚltima hora

Falece Manuel González Veiga, promotor do Centro Cultural de San Miguel de Bidueira (Manzaneda)

Manuel González Veiga./ Foto cedida.

 

Coa escuridade do 20 de decembro deste ano chegaban ao seu fin 92 anos de entregada vida e de servidor público, a de D. Manuel González Veiga (Don Manolo), que ao longo da súa traxectoria foi sempre quen de dar o mellor de seu, antes e despois de formar familia coa que foi a súa muller Dona Anuncia Prieto Fernández. El nado en Noia e ela en San Miguel de Vidueira (finada en 2011).

A súa profesión vinculada sempre coa educación e a cultura serviulle para ampliar a súa extraordinaria labor de servidor público en varias etapas da súa vida, como mestre, como educador e tamén como concelleiro e primeiro tenente de alcalde do Concello de Marín e como funcionario da Xunta de Galicia no eido da cultura.

A súa entrega tamén chegou a San Miguel, lugar ao que chegou da man da súa muller, tamén profesora. Co moito cariño que lle brindou a este lugar e que sempre admirou e levou como seu alá por onde ía desde que a el chegou por primeira vez e sempre foi plena, sendo un admirado veciño, xunto a súa dona e familia.

Non sendo isto dabondo e facendo gala da súa entrega pública foi quen de deixar a súa pegada social e cultural nesta aldea ao ser o pai do Centro Cultural “San Miguel”; a primeira asociación cultural que se creou no Concello de Manzaneda. Cando outros non crían no impulso cultural, a súa traxectoria fíxolle ver que a necesidade de iniciativas como esta eran precisas e non fracasarían. E non fracasaron polo seu empeño, a súa dedicación e bo facer.

A mais de promover a asociación tamén lle puxo nome a outro proxecto, á edición dunha publicación que levaría o nome de “A Nosa Voz”, na que con gran mestría trasladaba as actividades do C. Cultural e explicaba a cultura do xeito máis familiar posible para que chegara a todo o mundo e mes a mes fora agardado con impaciencia en cada fogar.

Esa admiración polo lugar de San Miguel, onde nacera a súa muller, levouna sempre con el e no seu sentir tamén lle serviu para inmortalizar coa súa cámara a vida do rural distinta á mariñeira da súa vila natal.

Anécdotas de toda unha vida, que sempre foi quen de debullar cos amigos, coñecidos e veciños e nas que tamén participaba a súa muller dende que chegou a San Miguel, cando aínda non había luz, cando chegar en coche supuña unha odisea ata promover a chegada do teléfono a cada casa e todo aquilo que fixo cambiar a vida máis tarde no interior e no rural que no resto das vilas e cidades.

Moitas cousas quedarán sen lembrar nestas liñas, pero e desexo e que non quede atrás o grato recordo e a sentida lembranza para Don Manolo e Dona Anuncia por telos coñecido e compartido tantas horas e tantas vivencias con eles e como veciños. D.E.P.

Artigos relacionados

Back to top button