ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Francisco Fumega: “Pasamos dun presente termal moi escuro a un futuro prometedor”

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, cualificou esta inauguración do Balneario de Caldas de Partovia como “un día memorable para a historia do Carballiño”. O rexedor popular sinalou que, con esta infraestrutura termal “Pasamos dun presente bastante escuro no tema termal a un futuro prometedor”. Fumega sinalou que estas instalación son “sostibles, dende o punto de vista enerxético, xa que funciona coa enerxía xerada das augas”.

O rexedor municipal aproveitou a ocasión para anunciar que antonte “obtivemos os permisos para seguir adiante coas obras do Gran Balneario do Carballiño”, o outro punto de referencia termal da vila. Este balneario estaba á agarda de que se lle concederan os permisos por parte de Patrimonio e da Confederación Hifrográfica Miño-Sil e agora “estamos en condicións de dicir que a partir de Semana Santa, imos traballar con todo o empeño porque o Gran Balneario do Carballiño sexa tamén unha realidade”, apuntou.

E o certo é que O Carballiño parece que só bota resultados positivos. Hai pouco coñeceuse que a vila sobre pasou a liña dos 14.000 censados e aparece como a segunda vila, tras a capital, no “ranking” do Informe Económico da Provincia que fai a Deputación. Ante isto o alcalde do Carballiño dixo o seguinte: “estamos traballando por conseguir os nosos obxectivos, temos claro cal é o noso proxecto e as vantaxes que temos”. Entre esas vantaxes enumerou a ubicación da vila a nivel autoestradas, a proximidade coa capital. Asemade engadiu que “construíndo un modelo de colaboración institucional coa Deputación e o resto dos organismos e a inversión privada vai facer que o Carballiño poida saír adiante”.

Máis información sobre a inauguración do Balneario de Caldas de Partovia:
https://osil.info/xunta-propora-unha-lei-de-augas-termais-para-potenciar-o-sector/
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button