En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Balneario de Caldas de Partovia abre as súas portas

O presidente da Xunta anunciou na inauguración de hoxe que van propor unha Lei de augas termais de uso lúdico para regular o termalismo e poñelo en valor 

O Balneario de Caldas de Partovia, en O Carballiño, xa é unha realidade. Esta infraestrutura de turismo termal “fai que o Carballiño pasase do século XVIII ao XXI en materia de termalismo”, apuntou o alcalde da vila, Francisco Fumega, na súa intervención durante o acto de inauguración de hoxe, 7 de abril. Un acto no que estivo representada a familia Garriga, xerente do balneario, de man dun dos fillos, Jesús, que se mostrou moi orgulloso “dos máis de 50 anos de traballo dos meus pais para facer realidade todo isto”, asegurou tras fundirse nun forte abrazo co seu pai. Canda eles, estiveron o presidente da Deputación, Manuel Baltar; e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Precisamente, o xefe do executivo galego anunciou durante a súa intervención que van propoñer no vindeiro pleno do Parlamento de Galicia “unha Lei de augas termais de uso lúdico para regular o termalismo e poñelo en valor, que permitirá planificar ‘termalmente’ a provincia de Ourense”. O titular da Xunta lembrou que o Termalismo move preto de 60 millóns de euros e xera máis de 12.00o empregos directos.

Nesta xornada de portas abertas, os asistentes (visitantes e políticos) puideron comprobar a vangarda das instalacións do balneario de Caldas de Partovia, obra deseñada por Carlos Garriga, membro da familia propietaria. Dentro do seu paquete de servizos contan coa hidroterapia, entre outros. Tamén destaca a canle de fibroterapia, “único en España”, dixo a xerente do complexo, Noa Gallego; que serve para o tratamento de afecciones circulatorias as extremidades superiores. A todo isto engádese a cafetería e circuíto termal, todo iso bañado con augas mineiro medicinais. E todo isto a menos de dous quilómetros do centro do Carballiño.

Pero, segundo sinalou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, esta aposta polo termalismo en Ourense está “ao 50%”, e por iso, dende o executivo provincial, “estamos a traballar en alianza co Ministerio de Fomento para crear un horizonte termal en Ourense no ano 2020”. En canto a este balneario de Partovia, Manuel Baltar asegurou que dende a súa institución van poñer todo o empeño “para mellorar os accesos e promovelo, porque O Carballiño é fundamental no Plan Ourense Termal”, asegurou.

Precisamente Jesús Garriga aproveitou a ocasión para solicitarlle ás institucións públicas que sigan apostando por proxectos como este e lembrou unha figura moi importante para o termalismo ourensán e galego: O doutor Luís Rodríguez, o cal será homenaxeado coa medalla de Ouro de Ourense, anunciou Manuel Baltar.

Grazas a esta nova apertura, O Carballiño volve entrar de cheo no mapa termal de Galicia e o obxectivo principal, apuntaron os tres rexedores alí presentes, é que o proxecto termal siga adiante tanto para a vila como para toda a comunidade.

Dende antes dos romanos

O historiador Xosé Luis Sobrado é un gran experto na zona de Caldas de Partovia e as súas augas mineromedicinais. “Temos constancia dende a época prerromana. A dous quilómetros de Caldas de Partovia apareceu unha pedra formosa, unha rocha de tipo balneario que aparecían nos castros e está no muro da Reitoral”, asegurou o experto. En canto á época romana, “hai explotacións mineiras preto de aquí, algunhas das máis grandes de Galicia”. Logo xa a partir da Idade Media, asegurou Sobrado, “xa empezamos a ter cantidade de referencias e, a partir do século XIX, xa empezan a aparecer referencias tanto na prensa galega como nacional”.

Máis información sobre a inauguración do Balneario de Caldas de Partovia aquí.

Texto: Carlos Asensio.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button