ConcellosÚltima hora

Galicia acolle 11 exemplares de oso pardo, segundo o censo desta especie feito na Cordelleira Cantábrica

Os exemplares localizáronse nas contornas dos Ancares e do Courel, tal e como sinala a Dirección Xeral de Ptrimonio Natural

 

Galicia acolle 11 exemplares de oso pardo segundo os datos do estudo de poboación desta especie realizado na cordilleira Cantábrica, tal e como informou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, nunha rolda de prensa xunto cos seus homólogos das comunidades de Asturias, Cantabria e Castela e León.

Máis polo miúdo, e logo de agradecer o traballo dos 25 axentes ambientais e do persoal técnico da Dirección Xeral que colaboraron neste estudo, Belén do Campo explicou que os exemplares se localizaron nas contornas dos Ancares e do Courel, o que “confirma a conectividade entre ambas serras, algo que ata o de agora era só unha suposición”.

Este censo levouse a cabo por parte das comunidades da cordilleira cantábrica baixo a coordinación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e co asesoramento do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Universidade Autónoma de Barcelona. De feito, é a primeira ocasión na que se realiza un estudo de xeito simultáneo en toda a área de distribución do oso pardo usando a mesma metodoloxía -técnicas xenómicas e modelos de estima poboacional de captura-recaptura.

Metodoloxía empregada

Así, a recollida de mostras realizouse entre o 1 de setembro e o 15 de decembro de 2020 a través de 239 cuadrículas – 43 en Galicia: 34 na provincia de Lugo, 4 na de Ourense e 5 no Parque Natural do Invernadeiro- ao longo dunha superficie total de 16.700 km2 -1.261 km2 na nosa Comunidade-. No que respecta aos quilómetros recorridos nos transectos de censo dentro da área de mostraxe, acadáronse os 7.606 km, dos que 317 km corresponden a territorio galego.

En total recolléronse 1.288 mostras -936 excrementos e 352 mostras de pelo-, das que 6 se localizaron en Galicia. E, a partir dos xenomas obtidos e aplicando os modelos de captura-recaptura, o resultado da estima poboacional de oso pardo cantábrico alcanza unha estimación de 370 exemplares, dos que 11 se localizan en Galicia; 31, en Cantabria; 131, en Asturias, e 197, en Castela e León.

Polo tanto, a estima poboacional desta especie revela un resultado de 370 osos pardos na cordilleira cantábrica con 250 exemplares na subpoboación occidental e 120 na oriental. Isto supón a consolidación na zona oeste permitindo a súa expansión cara ás provincias de Lugo e Ourense.

 

 

Axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo

Á vista destes resultados, a directora xeral incidiu na necesidade de continuar traballando de forma activa e coordinada en favor da coexistencia do oso pardo coas actividades humanas mediante a adecuada compensación dos danos ocasionados por esta especie no sector agrogandeira, especialmente nas actividades apícolas.

Nesa liña, Do Campo lembrou que o Goberno galego convocou o pasado mes de decembro as axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo ao sector agrogandeiro entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023 por un importe de 60.000 euros. Esta é a terceira vez que se convoca esta liña de axudas e dá continuidade ás de 2021 e 2022, que se pecharon coa concesión dun total de 42 axudas

Artigos relacionados

Back to top button