Entrevistas

“Galicia non pode funcionar só en clave atlántica”

Xosé R. Gómez Besteiro, candidato á secretaría xeral do PSdeG, debulla o seu proxecto para o socialismo galego
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Renovación, integración, rexeneración democrática e un partido socialista máis galego. Son conceptos nos que incide Xosé Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) cando explica o proxecto no que basea a súa candidatura á secretaría xeral do PSdeG-PSOE. Tomaba a decisión de presentarse en decembro do 2012 e transmitíalla en marzo aos delegados do comité nacional. “Houbo quen me dixo que me precipitaba”, lembra, “pero creo que a política tamén esixe este esforzo de franqueza e de limpeza, de non ocultar as cartas”

Pouco despois comezaba a percorrer as comarcas galegas para explicarlle ese proxecto á militancia socialista “falando moitísimo de futuro”, nun longo periplo que remataba en Carballo e no Deza. O 28 de agosto poñíase en marcha de novo co arranque da campaña electoral das primarias. En apenas uns días, o 7 de setembro, sometérase á valoración desa militancia xunto co outro cantidato, Manel Vázquez. O lucense valora de forma moi positiva o proceso de primarias “porque conecta perfectamente co tempo que nos toca vivir” e fai un chamamento á militancia, “que ten dereito a participar no proceso, pero tamén o deber de participar no futuro” do PSdeG.

En marzo deste ano daba o paso para concurrir á secretaría xeral do PSdeG, ¿que lle impulsou a tomar esa decisión?

Din ese paso adiante porque me sentía preparado para elo. Tamén decidín por qué proxecto quería traballar, é dicir, din ese paso para algo, para que o partido se renove. E cando falo de renovación non me refiro só a caras novas, nin idades novas, que tamén; senón sobre todo a unha cuestión relacionada coa rexeneración democrática e coa altura da discusión política. Teño a percepción de que nos últimos anos adicámonos a falar das nosas cousas e non das que lle preocupan aos cidadáns, por iso, temos que elevar ese listón da discusión política. E, en terceiro lugar, tomei a decisión porque cría que era o momento da participación da militancia.

¿Cales son as bases do proxecto socialista que vostede defende para Galicia?

Baséome en catro puntos fundamentais, o primeiro dos cales é a renovación. Non se trata só de que sexa xente nova á que pase a dirixir o partido, senón que hai moito caudal doutras épocas que pode ter un papel protagonista nesta etapa. Pero ¿cales son as condicións? Rexeneración democrática, maior participación dos militantes, elevar o discurso político e a idoneidade para cada un dos postos. Outro apartado é o da integración, é dicir, este proceso podémolo facer como estamos ata agora, onde hai unha división evidente, ou integrando. Este ten que ser un proceso de xenerosidade e hai que sumar. A terceira premisa é que temos que ampliar a nosa base social. Somos unha forza importante, con 11.125 militantes, pero non somos suficientes porque hoxe a maior parte da sociedade galega di que é progresista, en cambio goberna a dereita e con maiorías absolutas, polo tanto algo está fallando. E o que falla é que non somos capaces de conectar coa xente que se define como progresista, pero que non nos ve como referente, por iso temos que abrirnos á sociedade. Finalmente, o cuarto punto é ser un partido máis galego.

¿De qué maneira?

Explicándolle á xente que nós debemos ter un grao de independencia importante, pero tamén temos que compartir un rumbo común con Madrid porque somos un partido federal, non unha federación de partidos. E nese proxecto común nós debemos poñer fóra de Galicia os intereses de Galicia, é dicir, ser capaces de colocar na axenda do federal o problema demográfico, o da reindustrialización, o do abandono territorial… Cuestións que vemos que noutras partes do territorio español tamén son problemas e que van requerir de políticas absolutamente transversais. Por exemplo, ante un problema demográfico non se trata só de poñer un incentivo para que por cada pequeno que naza premiemos aos pais. Esa é a visión que ten a dereita con premios á nupcialidade e á natalidade. Non, isto require doutra actitudes e eses problemas, que son esenciais en Galicia, requiren tamén dun sentimento galego, de que nós teñamos unha concepción de Galicia como país. Somos unha nacionalidade histórica. Non somos mellores que os da Rioxa, pero somos distintos, temos un idioma, unha cultura, unha tradición… e iso únenos con vascos e con cataláns en determinados plantexamentos de nacionalidade histórica. Iso si, defender a nosa esencia non é torpedear o proxecto federal, é enriquecelo, facer de ser galego un valor máis que un problema.

E todo isto administralo sen complexos. Temos que dicirlle á xente que os problemas non os imos a solucionar nós sos, senón que, a diferenza doutras opcións de esquerda cunha posición absolutamente pechada e nas que parece que todo o que vén despois do Bierzo é malo, nós pensamos que compartimos problemas e que se pode buscar unha solución entre todos. Moitas das solucións que ten Galicia veñen de mans do propio Estado e de Europa. Pero tamén Galicia ten unha asignatura pendente co resto do mundo, con América e iso si que ten que ser un valor para a nosa comunidade, un valor comercial, de relación loxística. Galicia está mirando para América e nós debemos ter colocados os nosos intereses ao outro lado do Atlántico. Quero dicir con isto que, fronte a unha visión absolutamente reduccionista do que é Galicia, eu creo que hai que apostar por que Galicia ten futuro e para iso o PP non nos está representando. A xente o que ten que ver no PSdeG é cales son eses retos para os próximos anos, cómo ve o partido socialista a sociedade galega dentro de 5-10 anos, que eses problemas sexan retos para o partido socialista e para a sociedade.

¿Que papel deben desempeñar as agrupacións locais dentro do PSdeG?

Un papel moi importante, antes dicía que administrativamente o meu epicentro é o concello porque é a administración máis próxima aos cidadáns, e aí é onde o partido socialista vai rendir moitísimo máis. É verdade que nós temos que artellar un proxecto para o país, pero ¿dende onde? Dende a rede que ofrecen os concellos. Pois na vida política é o mesmo. Para min o realmente importante son as agrupacións municipais, máis que as estruturas comarcais ou provinciais. A vida ten que estar na agrupación municipal. Para este partido é moi importante ter agrupacións como a de Vigo, con máis de 1.200 afiliados, pero non é menos importante ter unha bandeira nas agrupacións pequenas. Esa distribución homoxénea no territorio é fundamental para este partido, aínda que haxa unha agrupación con 3 ou 4 militantes.

No seu percorrido por Galicia, ¿que demandas lle transmitiron os militantes?

Un partido máis de esquerda, máis socialista, máis unido e renovación. O militante de base pide mirar para adiante, superar este proceso e facelo de forma responsable. E o que máis destacan é que haxa unidade, están cansos de divisións e de loitas porque ven que é algo estéril e tamén queren liberarse das obsesións. Vivimos ás veces moi obsesionados con AGE e co BNG e nós temos que marcar o noso rumbo. Se a xente non espera de nós o que espera deles, entón non podemos facer a mesma política que fan eles.

Texto: Ángeles Rodríguez/ Lugo Foto: Carlos G. Hervella
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button