OurenseÚltima hora

Galicia presenta no Museo do Prado a candidatura da Ribeira Sacra ante os embaixadores do comité da Unesco

 

Novo paso da nova etapa da nova candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentaba hoxe no Museo do Prado de Madrid esta candidatura ante os embaixadores do Comité da Unesco, do que forman parte 21 países. Neste acto estes representantes puideron coñecer o traballo técnico realizado así como o labor de posta en valor a conservación desta paisaxe cultural.

Neste marco no que tamén participou o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, o titular de Cultura salientou que tras a decisión de facer un aprazamento estratéxico da candidatura atendendo ás avaliacións e informes de Icomos, Xunta e Estado mellorarán todo o que sexa preciso para dar o último paso “con toda a forza e conseguir o si definitivo”. “A Ribeira Sacra é un espazo único, cun gran valor incapaz de decepcionar a quen o visita, polo que manteremos vixente o compromiso”, sinalou.

Do mesmo xeito, apuntou que o obxectivo compartido co Goberno do Estado é intensificar o traballo da candidatura e seguir avanzando para facer da Ribeira Sacra “un territorio máis vivo, mellor coidado e máis recoñecido en todo o mundo”. “A decisión de pospoñer os trámites finais é unha oportunidade para fortalecer o noso traballo e mellorar algúns aspectos para que poidamos acreditar coas máximas garantías os valores excepcionais da Ribeira Sacra”. Para iso, tal e como apuntou, apostarase por facer “as cousas ben, como ata agora, para chegar seguros e con paso firme e decidido á valoración final”.

No evento tamén participaron a directora xeral de Bellas Artes do Ministerio de Cultura, María Dolores Jiménez-Blanco e o director de Relacións Culturais e Científicas da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, Guzmán Palacios Fernández en representación do Ministerio de Asuntos Exteriores.

 

 

Valores excepcionais

O responsable de Cultura da Xunta tamén aproveitou para sinalar que a Ribeira Sacra é unha paisaxe que conxuga “beleza, natureza e patrimonio” que é capaz de ofrecer unha experiencia cultural en si mesma. “Este é un territorio que destaca, precisamente, pola súa capacidade para conservar os seus valores excepcionais e que reflicte a transformación pausada e respectuosa do home sobre a terra”, engadiu.

En paralelo ao traballo na candidatura, o Goberno galego continuará avanzando nos distintos plans que ten en marcha para este territorio como o Plan Ribeira Sacra, a folla de ruta dotada con 34 millóns de euros que inclúe a diversos departamentos da Xunta de Galicia vencellados coa ordenación do territorio, a promoción turística ou a conservación do patrimonio e dos valores. Ademais, o obxectivo é complementar estas medidas co proxecto presentado aos fondos europeos Next Generation para actuar sobre este territorio e que aspira a captar 40M€.

Artigos relacionados

Back to top button