CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

“Historias do C.D. Barco”, a homenaxe de Julio Pérez ao espírito colectivo e traxectoria deste equipo feito libro

A obra presentábase na tarde do 11 de decembro nun acto ameno, divertido, pero tamén por momentos nostálxico e emotivo

 

“Isto non é unha historia lineal do CD Barco, coas súas tempadas, con todos os xogadores, cos adestradores… con todos os datos. Non é iso. É un libro que narra historias, que recolle crónicas, que disfraza entrevistas con adestradores, con xogadores, incluso con afeccionados, que me proporcionaron toda esta información”. Con esta aclaración comezaba Julio Pérez Veiga, profesor, gran afeccionado ao fútbol e agora escritor a presentación do seu libro “50 anos dan para moito. Historias do CD Barco” (Nós SC, 2023), na tardiña do 11 de decembro nun ateigado salón de actos do edificio multisos do Barco.

Na mesa estaba acompañado polo concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, polo autor do limiar da obra, Joaquín Miranda “Xocas” e pola súa filla pequena, nun acto ameno, divertido, pero tamén por momentos nostálxico e emotivo, que comezaba coa proxección dun vídeo sobre o CD Barco e co pase de fotografías antigas sobre a vila e sobre o equipo e que, logo, daba paso ás intervencións. A primeira delas era a de Aurentino Alonso. “Non é moi frecuente que unha vila como O Barco teña unha produción de libros dedicados ao deportes, neste caso ao fútbol, pero aínda é menos frecuente que teñamos aquí reunidos aos autores das dúas únicas publicacións en formato libro dos que temos coñecementos dedicados ao fútbol barquense: Xocas (en colaboración con outros autores) e Julio Pérez, autor do libro que hoxe presentamos”.

 

 

Despois era Xocas Miranda quen collía o relevo para agradecerlle a Pérez Veiga que o escollese para prologar “este marabilloso libro, que axuda a crear orgullo, identidade, sentimento de pertenza a unha comunidade, á nosa, á barquense”. Ademais resaltaba que con este volume “Julio quere render unha homenaxe aos verdadeiros protagonistas do CD Barco, a todos vós, ás directivas e presidentes que ocuparon e ocupan tempo en organizar e sacar adiante un proxecto de equipo, pero tamén de pobo, á afección, sobre todo á de verdade, á que sempre está aí, independentemente de que as cousas deportivamente saian ben ou mal. Pero, sobre todo, aos xogadores e técnicos en xeral, e, en particular, a aqueles que puxeron toda a súa alma ao servizo do club para facelo máis grande”.

Xocas concluía apuntando que “moitos dos que estáis aquí sabedes o que é dedicar horas e horas de adestramentos, chovese ou fixese frío, meterse en autobuses para percorrer centos de quilómetros, vós que desfrutábades das vitorias, pero sofríades na vosa pel as derrotas. A vós que deixábades aos vosos amigos e familias por algo que moitos non entenden, pero vós si, por algo que levades dentro, que é como un veleno, un sentimento. Posiblemente sen querelo sodes un bo exemplo e o motivo que leva a nenos e nenas do Barco a seguir poñéndose unhas botas de fútbol e a correr detrás dun balón, algo simple, pero máxico”.

 

 

A partir de aí era Julio Pérez Veiga, natural de Partovia (O Carballiño) pero veciño de Valdeorras dende os anos 80, quen tomaba a palabra para expresar o seu agradecemento a “os que estades aquí e tamén a todos aqueles que me axudaron a escribir este libro, que foi moitísima xente”. Confesába que, aínda que moitas persoas non o relacionan co fútbol, a miña vida case non se entende sen este deporte. Empecei dende moi novo vendo xogar ao Arenteiro en terceira división. Cando subiu a esa categoría no ano 66-67, o meu pai levábame a ver os partidos, recordo tamén de ver os primeiros partidos en televisión e ver o meu primeiro partido de 1ª División en Vigo, un Celta-Real Madrid. Cando me caso e veño para O Barco no ano 82 teño a gran sorte de que o CD Barco ascende a a terceira división, entón a efervescencia que eu vin no Carballiño dende moi neno, volvín vivila no Barco, que en 5 anos pasou de estar en terceira rexional xogando nos campos embarrados da provincia de Ourense a estar competindo co Lugo, co Pontevedra, co Ourense partidos históricos que moitos recordamos. Nos primeiros anos o meu corazón aínda estaba máis do lado do Arenteiro, ao longo do tempo xa foi cambiando a historia, o estar vivindo aquí marca a un”.

E realmente, sempre quixo escribir sobre fútbol. E ese momento chegaba co gallo da celebración dos 50 anos do CD Barco. “Quería escribir un artigo para o Periódico O SIL e empecei a pedir información, ocorréuseme pedirlla a Chiru, que tiña uns caderniños moi ben preparado onde o nome central era Alfredo Cruz, logo xa máis tarde case tiña feito ese artigo e xa reunirá moitísimo material para escribir. Ao final foron catro artigos para O SIL e podían ter sido moitos máis. Entón apareceu Enrique P. Roca e deume gran cantidade de material que tiña do seu pai. Cando vin todo aquilo animeime a escribir un libro”.

 

 

Tamén detallaba como soi ese proceso de elaboración, con viaxes, consultas en bibliotecas, entrevistas… “No Barco entrevisteime con moita xente que me deu moitísima información, moitas fotografías, vouvos mencionar a todos: Alfredo Cruz e a súa dona, Ricardo Dacal, Andrés Fernández, Aurelio Trincado, Ángel Fernández, Bienve, Toño Iglesias, Castro, Modesto, Roberto, César, Sixto, Tano, Tano, a Totó, a Conde, a David Pérez, Javier Rey, Julio Quintas, Agustín, Elva, Carlos García Hervella, Zubi, Churi Alonso, Gelo, Losada, Ricardo, Adrián Ramos, Nico, Rafa, os irmáns Fuertes, os irmáns García, a familia Careca, os irmáns Barba…”.

 

 

O libro presenta a unidade que lle dá o equipo, “pero nel hai unha variedade de rexistros un compendio de feitos e de momentos históricos que nos leva a remontar cinco décadas. Comeza cunha narración dos inicios do club, da súa constitución alá no ano 73, que mira que tiña a xente do Barco ganas de facer un equipo. Hai unha ollada á xeración dos 70, que son os meus coetáneos e algúns deles chegaron á terceira división”, explicaba o autor, a partir de aí veñen outros 15 capítulos: “Tres copas”, “Un ascenso histórico”, “O “Wi” no banco do CD Barco”m “A 3ª División chega ao Barco”, “Unha “Roca” na portaría”, “O dono da banda esquerda”, “Buscando o creto perdido”, “Difícil comezo de século”, “De vender rifas a presidente”, “Xogador e adestrador”, “O adestrador do século XXI”, “Volvemos á Terceira”, “Dous tiros ao pau”, “Lazos de sangue” e “Partidos para recordar”.

 

 

Proposta para poñerlle o nomes de Wilson Jones ao estadio de Calabagueiros

Pérez Veiga facía mención ao longo da súa intervención a moitos nomes, de etapas moi diferentes, facendo fincapé en que este libro é un homenaxe a todos eles, aos que están aínda hoxe e aqueles “outros que xa non están”, entre os que mencionaba a Miguel Fariñas e a Wilson Jones, lanzando tamén a proposta dirixida ao Concello do Barco para que lle poña o nome deste referente deportivo ao estadio barquense, “que podería ser Wilson Jones-Calabagueiros”. “El foi internacional con España e campión de Europa co Real Madrid”.

A presentación concluía cunha intervención do presidente do CD Barco (cuxo plantel asistía á presentación), Daniel Ramos “Nilo”, quen agradecía a inicitiva de Julio Pérez de escribir este libro, ao mesmo tempo que lembraba a etapa na que Julio Pérez foi profesor seu, agradecendo a súa paciencia como “docente das trincheiras” e tamén o feito de que “nos axudara a ser mellores persoas”. Ademais, agasallábao con varios detalles, un deles a equipación do CD Barco do 50 aniversario.

 

 

“Julio cobre con este libro un baleiro histórico, algo necesario para que os nosos xogadores coñezan a verdadeira historia do club. Deus queira que dentro doutros 50 anos haxa outro Julio para poder seguir contando estas cousas”.

O acto concluía coa sinatura de libros e cunha petistacada, acompañada por viños da Adega Cooperativa do Barco-Vinos Barco, para os asistentes.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button