CulturaCulturaÚltima hora

“Iribarne” de ButacaZero chega ao Teatro Lauro Olmo do Barco este venres

Este escenario acollerá o 23 de febreiro ás 21.00 horas "a revisión da figura de Fraga en clave de humor" que está a colgar o cartel de ‘entradas esgotadas’ en todas as súas funcións por Galicia

 

O novo espectáculo de ButacaZero, “Iribarne”, representarase o vindeiro venres 23 de febreiro, no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, ás 21.00 horas. As entradas para a única función confirmada polo de agora na provincia de Ourense xa se poden adquirir anticipadamente na tenda ‘Ton y son’ e tamén estarán á venda na propia billeteira do teatro desde unha hora antes do comezo da función.

A celebrada revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e con dirección de Xavier Castiñeira está a moverse por toda Galicia e por numerosas cidades españolas logo da súa estrea en Vilalba en xaneiro, e xa pasou por Santiago e Pontevedra, esgotando as entradas en todas elas. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia- tamén ten previsto recalar en Vilagarcía de Arousa (24 febreiro), A Coruña (15 e 16 marzo), Lugo (11 abril), Tomiño (20 abril), Cangas (4 maio), Bilbao (9 maio), Narón (18 maio), Vitoria (7 xuño) e Ribadavia (xullo).

“Iribarne” é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí, camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”.

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de Iribarne asegura que “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.

Ambos sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

Posta en escena

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política de Galicia dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de “Iribarne” ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

Artigos relacionados

Back to top button