
Coa colaboración do Concello de Ramirás e da Deputación de Ourense a Asociación Cultural Rebulir está ultimando a programación da décima edición do FIR (Festival Internacional Rebulir), que terá lugar entre os días 18 e 20 de decembro de 2015.
Unha edición na que o premio Rebulir lle foi concedido ao músico vasco Kepa Junkera e á cantante María do Ceo “pola súa difusión da nosa cultura tradicional alén das nosas fronteiras e co valor engadido de non ser galegos de berce (aínda que si de adopción no caso da fadista)”, explican dende a asociación, engadindo que ámbolos dous artistas convértense en padriños do FIR 2015 e farán tamén unha breve intervención coas súas músicas durante a Gala Central do festival o sábado 19 de decembro no polideportivo do Picouto.

Este evento, ten o seu epicentro en Ramirás, pero tamén contará con actividades paralelas en Celanova e Ourense, nas que diferentes colectivos mostrarán o mellor da súa cultura utilizando o baile e a música, e tamén mediante a gastronomía e a imaxe. “Sendo o décimo aniversario, tentaremos que os mellores colectivos (galegos, estatais e internacionais) que nesta década pasaron polo festival volvan deleitar os espectadores, ao igual que o fixeron no seu día”, aseguran dende a organización, adiantando como outra das grandes novidades desta edición “a implicación dos nenos e nenas da escola Rogelio García Yáñez, quen nas xornadas previas ao Festival terán obradoiros e actividades arredor deste evento para crear un ambiente de aprendizaxe vinculado ao coñecemento das diferentes culturas que chegan a visitalos días despois”.