ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Lendo as historias escritas no aire de África con Boniface Ofogo, no Barco

Con este narrador camerunés o ciclo “De Perto” entraba no terreo da oralidade e dos contos na tarde do 21 de xuño no Xardín da Casa Grande de Viloira

“Escoitade o son do vento de África, o do trono, o da chuvia…”. Botando man de singulares instrumentos, Boniface Ofogo recreaba os sons dos elementos da súa terra natal para convidar ao público barquense na tarde do 21 de xuño a unha viaxe ás terras lonxanas dese continente mediante os contos e algún que outro proverbio.

Unha viaxe na que había que embarcarse a través da imaxinación e que principiaba citando ao escritor galego Manuel Rivas, para quen “os contadores de historias en realidade son escritores no aire, escriben no aire libros que se leva o vento. E así me criie eu”, dicía, lembrando de seguido as súas orixe nunha aldea do Camerún na que se alimentaba das historias contadas polos avós ata que, con 12 anos, lía o seu primeiro libro: “Viaxe ao centro da terra” de Xulio Verne.

Pero era coas historias que aprendeu na súa nenez coas que agasallaba ao público entre as árbores do Xardín da Casa Grande Viloira. Deste xeito o ciclo “De Perto” entraba xa no terreo da narración oral, con relatos cargados de mensaxes, nos que as cousas non sempre son o que parecen, e que conclúen nunha contundente moralexa, como a do home pobre que compartía nun aldea de Etiopía a súa única galiña e a súa casa cun forasteiro, ao que ademais acababa acompañando de volta á súa cidade, na que ambos se redescubrían como reis.

 

 

Ou a dun home ao que un monarca convidaba en varias ocasións a cear, infructuosamente, xa que os soldados da porta impedíanlle o paso ao ver as súas vestimentas manchadas. Ou a do elefante que xogaba a quitarse un dos seus ollos no río ata que o perdeu. Ou a da tartaruga, “a dona do tempo”, que logrou escapar dun buraco grazas a un leopardo.

Historias aderazadas con humor, con palabras en linguas africanas, con froitos como os do baobab e nas que interaccionaba co público ata convertelo nalgún dos personaxes dos seus contos escritos no vento de África. E, dando as grazas “por ler os libros escritos no aire”, Ofogo despedíase entre aplausos e coa promesa de regresar para agasallar tamén aos asistentes con sementes de baobab.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button