EntrevistasÚltima hora

Luis Solarat: “A ayahuasca é a punta do iceberg dunha cultura preciosa”

Este cineasta rues deixaba o seu posto de director creativo na London Real para viaxar ao Amazonas no 2020. A pandemia sorprendíao nun retiro de ayahuasca en Perú. Dende entón segue na selva e narra a súa experiencia na canle de YouTube “Dissolution”. Agora prepara un proxecto sobre Galicia

O cineasta rues Luis Solarat, en Perú./ Foto: Luis Solarat.

 

Vivir na selva non entraba nos seus plans. Chegaba ao Amazonas en marzo de 2020 atraído por unha planta moi especial: a ayahuasca. “Esta palabra quechua vén de aya (espírito, morto) e huasca (soga). É a liana dos mortos, unha porta que permite acceder ao mundo dos espíritos, ao mundo da imaxinación, da mente… a un mundo non material”, explica Luis Solarat, un cineasta rues a quen a pandemia sorprendía nun “retiro de ayahuasca” en Perú, que se convertiu no seu fogar durante a corentena.

Con esa viaxe deixaba atrás o seu traballo en Londres como director creativo de London Real, un coñecido canal de medios de YouTube, e, ao mesmo tempo, encetaba o proxecto persoal “Dissolution”, que continúa ata hoxe. Nesta canle propia de YouTube ten ido relatando, a modo de diario, a súa experiencia na selva e como facilitador, é dicir, actuando de ponte entre os chamáns da tribo Shipibo e os occidentais que acoden a un retiro de ayahuasca. Vídeos e documentais como “Desde dentro” plasman a súa exploración do chamanismo e das tradicións antigas.

Nese proceso Solarat descubría que “a ayahuasca é só a punta do iceberg dunha cultura preciosa con multitude de elementos como cantos, rituais, historias, folclore…” e niso basea o seu novo filme, que vai supor o peche desta etapa en Perú. Ademais, este valdeorrés ten en mente novos proxectos audiovisuais en Colombia e en Galicia, neste último caso ollando ás antigas tradicións das plantas.

O seu interese pola ayahuasca venlle xa da mocidade, ¿como xurde?

Si, dende a adolescencia sempre me interesou o raro e descubrín estas plantas no libro Alucinaciones reales, no que o filósofo Terence McKenna, que estudou moito estas substancias, narra a súa viaxe ao Amazonas, chea de historias e aventuras moi interesantes, e as súas reflexións sobre a humanidade, a ecoloxía… Esa obra fascinoume e en parte cambioume a vida. A min sempre me interesaron eses temas, o amor á natureza e o contacto con ela, así como o coidado do planeta, entón esa persoa e esa imaxe do Amazonas plantouse en min.

O autor do libro faleceu, pero traballando en Londres chegou a coñecer a un dos seus irmáns e retomou o vínculo coa ayahuasca…

A empresa na que traballaba dedicábase a entrevistar a xente de interese de diferentes campos, dende astronautas e artistas ata filósofos, e nunha ocasión levaron a Dennis McKenna, que tamén aparecía no libro. É un científico que dedicou a súa vida a estudar a ayahuasca en laboratorio e un dos que máis ten feito por dar a coñecer e protexer esta planta. E, a partir de aí, presionei moito tempo para facerlle un documental, que, ao final, saíu co título de Reconnect (reconexión). E para realizalo viaxei a Costa Rica e pasamos 10 días con el. E, por casualidades da vida, esa foi a primeira vez na que probei a ayahuasca, un momento moi especial.

¿Como lembra esa experiencia? ¿é común á doutras persoas?

É algo moi misterioso que xoga coa química do teu corpo, co inconsciente, con todo o que levas dentro: as intencións, emocións, represións… É como unha porta, por iso resulta unha experiencia moi persoal no senso de que che fala da túa vida, permíteche ver os teus medos, ilusións, decisións, relacións… Con todo, existen aspectos comúns con outras persoas que a proban, moitos din que é como ver o teu pasado dende outra perspectiva, ás veces incluso despegado das emocións traumáticas que podes ter con certos eventos. Dalgún xeito desbloquea a túa forma habitual de ver o mundo, é moi útil. Agora mesmo está sendo moi popular en terapias de todo tipo, acompañada por psicoterapeutas, incluso no mundo occidental. Ten esas propiedades e, ben acompañada e servida, e con persoas que saiban, pode resultar moi útil para desbloquear certas cuestións.

 

 

E logo outra experiencia común a moita xente é unha especie de contacto ou relación cun ser que é unha planta, unha comunicación sen palabras e que te conecta moito co entorno, co natural, que te volve ao básico do que é o ser humano. Estamos tan desconectados da natureza que cremos que é algo diferente a nós e esas plantas do Amazonas conéctante co que somos, somos parte dalgo belo, maior que nós, unha intelixencia que está nas plantas, nos animais, na auga… e iso dalgún xeito séntese cando a tomas na selva, cando estás escoitando os insectos ao teu arredor. Estas son as experiencias máis comúns, pero é unha vivencia moi persoal. Tampouco hai que ter expectativas, fala a cada persoa dun xeito diferente. E esa primeira vez que a probei, sentíame moi ilusionado, non podía crer a sorte que tiña e foi unha experiencia cósmica por así dicilo.

E ata o 2020, na súa viaxe ao Amazonas, non volveu tomar ayahuasca…

Non, eu sempre a tomei na selva. Mentres facía o documental sobre McKenna entrevistei a un curandeiro, o chamán dunha tribo amazónica chamada Shipibo, e falando con el decateime de que a ayahuasca era algo moito máis profundo e importante que unha substancia psicodélica que está de moda. Forma parte dun sistema de medicina de miles de anos de antigüidade que se dá no Amazonas e que usa as plantas como a súa farmacia. Hai milleiros de plantas para milleiros de doenzas e hai tribos que aínda manteñen esa sabedoría, que se transmite de avó a neto, consérvase por liñaxe e supón un xeito de entender a medicina moi diferente ao occidental, xa que ten en conta os planos enerxético e outras formas de facer tratamentos.

Non se trata só dunha planta, senón do que o chamán denominaba dieta, na que se meten no bosque e teñen que estar en illamento, sen poder ver nin falar con outras persoas, sen poder ler libros, nin moito menos conectarte a internet, e comendo algo moi simple para que o corpo estea en certo estado… E aí é cando tomas diferentes plantas, que non son todas psicodélicas, e elas curan doenzas físicas, emocionais ou espirituais, por así dicilo. Esas plantas límpante. É un xeito moi diferente de achegarse á saúde e que está agora moi de moda. Cando regresei de Costa Rica con toda esta información na cabeza, seguín lendo moitos libros e pensaba continuamente en volver e probar dunha maneira máis seria a ayahuasca para profundizar. Ao rematar o documental, quixen tomarme un descanso e deixar a miña vida en Londres. Non sabía moi ben que ía facer despois, pero decidín viaxar en marzo ao Amazonas para unha dieta de ayahuasca, entón meteuse a pandemia de por medio e aquí quedei. Xa son 4 anos os que levo en Perú e pasaron moitas cousas dende entón.

Ademais collérono como facilitador na Psychonauta Foundation.

Neses centros conviven os curandeiros indíxenas, que saben manexar as plantas, con moito staff de fóra porque os clientes veñen de países occidentais. Por curioso que pareza, en Perú a ayahuasca resulta moi allea, a maioría dos que a toman son estranxeiros e nese centro necesitaban xente coma min para facer de ponte entre os indíxenas, os saberes e a tradición local, e os occidentais que veñen, e esa era a miña función.

¿Xa non está no centro?

Deixeino hai uns meses xunto coa miña moza, a quen coñecín alí, porque decidimos contar unha historia con todo o que estabamos aprendendo, queríamos facer unha película. Así que nos trasladamos a outra parte da selva a intentar desenvolver unha curtametraxe de ficción, tendo presente todo o que recibimos, o mundo que vivimos. Levamos moito tempo preparándoa e traballando coa xente da zona, que non son actores, adestrándoos para crear esta historia.

¿Vai continuar na selva?

Teño claro que seguir aprendendo das plantas vai ser parte do meu camiño, pero tamén quero continuar facendo cine, películas, producións audiovisuais… Estou vendo como mesturar estes 2 mundos. Cando remate a curta imos saír da selva e, como dicía, teño un proxecto en Galicia e outro en Colombia, e estou un pouco indeciso. Pero si nos imos mover.

Texto: Ángeles Rodríguez.
Fotos: Luis Solarat.

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de abril do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button