SanidadeÚltima hora

Máis de 13.000 ourensáns teñen participado no que vai de ano nalgunha iniciativa de saúde comunitaria

Enfermeiras, nutricionistas, matronas e hixienistas saíron dos centros de saúde para implicarse na saúde comunitaria dos seus barrios, concellos, colexios ou colectivos de pacientes

 

Uns 13.097 ourensáns de todas as idades participaron, no que vai de ano, nunha das 594 intervencións de saúde comunitaria organizadas polo persoal de enfermería, matronas, nutricionistas e hixienistas dentais de atención primaria, para mellorar e manter a saúde, fomentar a prevención ou coidado da enfermidade nos barrios, concellos, colexios ou colectivos de pacientes de cada centro de saúde.

Entre as preto de corenta iniciativas desenvolvidas na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras hai desde obradoiros a medida dunha asociación de pacientes -Fibromialxia, Parkinson, Diabete ou Sintrón-; para pais e nais, de nutrición e coidados no embarazo ou postparto, a alimentación familiar ou a dos nenos con Síndrome do Espectro Autista ou recén nados; para nenos e nenas desde a etapa infantil á adolescencia, desde perder o medo ante un pequeno accidente ou emerxencia, á saúde afectiva, sexual, ou de alimentación; e tamén paseos saudables, visitas escolares aos centros de saúde ou envellecemento activo.

“Este altísimo volume de intervencións converten aos profesionais de Ourense en referentes nesta liña de traballo, e as iniciativas non deixan de crecer de ano en ano, refrendadas polos resultados en saúde, e pola propia satisfacción de participar de pacientes e profesionais, que procuran o tempo para sair do centro de saúde e traballar coa comunidade -nas necesidades de saúde detectadas en consulta- nun ambiente que favorece o intercambio de coñecementos e afianza a relación profesional-paciente. Outro fito importante neste sistema de traballo chegou este xoves coa aprobación no Consello da Xunta de Galicia da “Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027” todo un refrendo que suporá un gran estímulo á atención comunitaria”, resaltan dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

Na nova estratexia o executivo galego ten previsto investir 1.425.000 euros para promover e facilitar o deseño, aplicación e avaliación destas intervencións, coa obxectivo de extender e potenciar as intervención comunitarias como as que se están a desenvolver en Ourense.

Ademais de potenciar estes proxectos de promoción da saúde, a estratexia galega promoverá a docencia e a investigación en atención primaria na saúde comunitaria, por parte dos profesionais de atención primaria e, especialmente, do persoal residente en formación. Contémplase, así mesmo, a elaboración dun protocolo para “prescrición” de activos comunitarios, a elaboración do programa galego de saúde escolar e o programa galego de prevención da fraxilidade.

 

 

Nutricionistas nos Centros de Saúde

Na potenciación da comunitaria está ser clave a integración, os últimos meses, nos Centros de Saúde das dietistas-nutricionistas, que complementan o traballo do equipo asistencial de na atención de pacientes con patoloxías crónicas como a diabete, a hipertensión arterial, a insuficiencia renal, obesidade, dislipemia -ou colesterol elevado- e tamén ao conxunto da poboación, promovendo e organizando obradoiros nos centros de saúde e colexios.

As trece novas profesionais da Área de Ourense, dan cobertura á poboación de toda a provincia distribuíndose por servizos de atención primaria, desde os que dan cobertura a todos os centros de saúde.

Participan en numerosas iniciativas de saúde comunitaria que se desenvolven desde os centros de saúde e Subdirección de Enfermería de Atención Primaria, coordinados desde a Supervisión da Área de Cronicidade, como o obradoiro “Comendo Cores” que está a achegar o consello nutricional e de hábitos alimenticios saudables a os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria, no que participaron 4.104 escolares en 197 obradoiros de 61 colexios, e “Garavanciño come saniño” para nenos de 1º, 2º e 3º de primaria, ao que atenderon 2.297 cativos de 42 escolas en 116 cursos.

 

 

As novas profesionais son tamén unha peza clave no desenvolvemento de sesións sobre “alimentación en Familia”; ou específicos para nenos en idade pediátrica ou características específicas de saúde, como con Trastorno no espectro Autista; sobre alimentación de pacientes en risco cardiovascular; en etapas vitais como a menopausia; consellos de dieta e alimentación para pais; sobre a “fame emocional” ou ansiedade fronte a comida; sobre mitos da alimentación; aprender a comer saudable; ou alimentación emocional entre outras.

 

 

Aprender a coidarse

Os estilos de vida xogan un papel fundamental na saúde das persoas. Por iso, para facer cambios cara uns hábitos máis saudables é preciso convertelo nun acto consciente, xa que o coñecemento, as emocións e as habilidades xogan un papel decisivo. Os estilos de vida, e neles a conduta alimentaria saudable e o exercicio, teñen enormes beneficios no benestar e na prevención da enfermidade, coa vantaxe de ser factores modificables, por elo é clave integralos na aprendizaxe dos nenos e nenas, pero tamén do conxunto da poboación.

Artigos relacionados

Back to top button