EconomíaEconomía

Máis de 300 empresarios do sector turístico daranse cita en Ourense nos III Encontros do Clúster de Turismo de Galicia

Francisco González, Ovidio Fernández e Manuel Baltar durante a sinatura do convenio.

Os III Encontros do Clúster de Turismo de Galicia serán en Ourense. Así o anunciaron na mañá de hoxe, 10 de abril, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, tras a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas entidades.

Esta sinatura permitirá levar a cabo na cidade das Burgas esta xornada profesional dedicada ao sector turístico co obxectivo de abordar os retos e oportunidades que se lle presentan a este sector no horizonte do 2020. Baixo o título “#Estrategia2020. Consolidando un destino turístico sostenible”, desenvolverase este terceiro encontro, que será o 27 de abril no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

O presidente da Deputación destacou a importancia de apoiar este evento “que sitúa á provincia de Ourense, neste ano 2017, como capital do turismo de Galicia ao acoller o seu Encontro anual e subliñar o papel fundamental de Ourense no ámbito do turismo e, sinaladamente, no ámbito termal”.

Segundo informou Manuel Baltar, este encontro congregará en Ourense a 300 empresarios do sector. Asemade, anunciou que neste encontro estarán presentes a secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asián, así como a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entre outras autoridades.

Neste senso, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia mostrábase moi satisfeito de poder continuar desenvolvendo estes encontros a modo de foros de debate “que nos permitan intercambiar experiencias, afondar nos cambios que sofre o sector e coñecer ferramentas que nos axuden a adaptarnos ás novas demandas do mercado, favorecendo sempre o intercambio de ideas e o traballo conxunto”.

Dentro da axenda destas xornadas están contemplados relatorios con expertos de primeiro nivel, como Fernando Cuestas, responsable de Amadeus España, empresa internacional de intermediación no sector viaxes e líder en solucións tecnolóxicas e comercialización de servizos turísticos (motores de reservas) ou do ex-xogador e directivo de baloncesto e actualmente vicepresidente da NBA Europa, África e Oriente Medio, Fernando Bueno. Asemade de mesas redondas dedicadas á enogastronomía, termalismo ou eventos culturais e deportivos, entre outros.

Artigos relacionados

Back to top button