ConcellosEn portadaManzanedaTrivesÚltima hora

Malestar en Manzaneda e Trives ante a posibilidade de que as farmacias dos PACs desta vila e de Castro Caldelas se turnen a partir do 1 de xaneiro

 

Dende os Concellos de Manzaneda e de Trives veñen de manifestar o seu malestar ante a posibilidade de que a partir do 1 de xaneiro as farmacias dos PAC de Trives e de Castro Caldelas se turnen entre elas “para estar de garda unha semana cada unha”, o que se considera “un novo atranco para os municipios do rural”. A nova coñecíaa o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, a través dunha veciña, que lle preguntaba enfadada por esa circunstancia logo de ver un cadrante informativo que así o indicaba nun destes establecementos da zona.

“O xoves pasei o dia colgado do teléfono para averiguar que había de certo xa que ninguén de Manzaneda sabíamos do tema (incluídas as traballadoras do centro médico). En principio é cousa do Colexio de Farmacéuticos de Ourense (COFO). Ao longo da maña puiden falar co seu presidente para saber que había de certo nesta medida. A resposta é que a farmacia do Castro está a traballar os 365 días do ano e que quere pechar algún día. Para que iso suceda queren tocar tamén as farmacias do PAC de Trives, cousa completamente innecesaria. Segundo o cadrante que se fixo público pretenden que as farmacias de Trives pechen unha fin de semana de cada tres; e cando vaiamos ao PAC, sexa á noite, festivo ou fin de semana despois de ver o médico en Trives, teñamos que ir o Castro a buscar as medicinas; e os do Castro dúas de cada tres semanas ver o médico no Castro e vir a Trives polas menciñas”, explica o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.

Así mesmo o rexedor di que isto acontece porque “unha farmacia do Castro compra non fai moitos anos a outra farmacia que había no Castro para pechala e quedarse coa segunda licenza que lle pertencía ao Castro por ter un PAC e así que ninguén a abrise. E agora por non pagar a un titulado/a habilitado/a para facer esas gardas que el non quere atender, as usuarias e usuarios do PAC de Trives temos que pagar as consecuencias. Todo elo tamén coa connivencia das farmacias de Trives. Dende este Concello déuselle a opción en último caso de que se no Castro quere e pode pechar unha semana alterna non afectaría os concellos do PAC de Trives e os do PAC do Castro so lles afectaría 1 de cada 2 e non 2 de cada 3 como pretenden. Esperemos que rectifiquen e en último caso que as autoridades competentes neste caso como é a Conselleria de Sanidade, tome cartas no asunto”, continúa o rexedor.

Carta da alcaldesa de Trives ao presidente do COFO

Pola súa banda o Concello de Trives tamén facía público que a súa alcaldesa, Patricia Domínguez, vén de remitirlle unha carta ao Colexio de Farmacéuticos de Ourense pedíndolle explicacións ante esta decisións de modificar as quendas de garda das farmacias. “Trátase dunha medida que afecta a toda a comarca e que obriga aos veciños e veciñas do municipio a trasladarse a Castro Caldelas determinados días ao mes no que permanezan pechadas as farmacias de Trives. Nestes establecementos da vila e do seu entorno a veciñanza consulta con preocupación un calendario no que se especifica que en determinados días deberán desprazarse, no caso de necesitar unha farmacia de garda, ao concello de Castro Caldelas”. Patricia Domínguez afirma que se trata “dunha decisión absolutamente irresponsable e que entra en conflito coa normativa de aplicación ao respecto”.

Debido á incerteza que está xerando entre a poboación e no equipo de goberno da Pobra de Trives esta situación, a rexedora solicita ao presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense unha resposta aclaratoria urxente e unha reunión na que se explique esta situación.

A postura do COFO coñecerase a vindeira semana

Dende o Colexio de Farmacéuticos de Ourense sinalan que na vindeira semana se darán explicacións sobre este tema nunha rolda de prensa.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button