DeportesÚltima hora

Malestar no Patín Hóckey Club A Rúa Toni Sariol ante a imposibilidade de seguir adestrando no pavillón municipal

 

O Patín Hóckey Club A Rúa Toni Sariol, ante a nova aparecida nos medios de comunicación dixitais da comarca de Valdeorras do sucedido en pleno do Concello da Rúa do 6 de novembro onde un dos membros do equipo de Goberno sinalaba que “perdemos unha subvención de 55.000 euros e estamos nun contencioso por culpa de poñer uns valos de hóckey que era imposible de que se homologasen”, quere aclarar o seu coñecemento dos feitos e poñer de manifesto a súa profunda decepción e preocupación ante a recente decisión unilateral do Concello, e sen informar previamente a este club, de retirar os valos de hóckey sobre patíns e patinaxe instaladas no pavillón municipal do Aguillón.

Durante o últimos catro anos, o club traballou en estreita colaboración coas autoridades municipais para promover o deporte na zona organizando adestramentos, campamentos e eventos que xeraron un crecente interese na comunidade. A instalación dos valos na tempada 2021-2022 foi un paso adiante para o desenvolvemento do hóckey sobre patíns na rexión. Con todo a súa instalación veu demoranda por diversos problemas na execución do contrato entre as que estivo a decisión de poñelas a unha distancia suficiente que permitise compatibilizar o seu uso con outros deportes, como pista multideportiva que é, levando á imposibilidade de competir na tempada 2022-2023, a pesar de contar coa aprobación das Federacións Galega e Española de Patinaxe. O club recibira o visto e prace por parte das devanditas federacións para competir no pavillón municipal e planificouse incluso a posibilidade de organizar eventos de alto nivel, como unha fase de sector ou un Campionato de España de Hóckey Patíns nas diferentes categorías nas que compite o club.

 

 

Por todo isto non se entende que desde o Concello, o actual equipo de Goberno, do que forma parte algún dos membros da anterior corporación que tomou a decisión de instalar os valos para hóckey, sinale agora un cuestionable problema de “homologación” dos valos que foron instalados e inexplicablemente retirados. É a Federación de Patinaxe quen dá o visto e prace ao seu uso, como xa o facía, e o material empregado pola empresa encargada dos traballos era o apropiado, xa que é o que se usa en moitas outras instalacións que albergan competicións de hóckey sobre patíns.

A mediados do mes de setembro este club mantivo unha reunión coa alcaldía da Rúa para saber de primeira man a situación de dispoñibilidade da instalación do Aguillón, o motivo da retirada dos valos de hóckey e así retomar os adestramentos semanais que viñan realizando en anos precedentes. Para a nosa sorpresa e sen aviso previo comunicóusenos a decisión unilateral e firme de prescindir dos valos de hóckey (ao parecer por “incompatibilidade” con outras disciplinas deportivas, pero sen achegar ningún tipo de xustificación nin técnica nin deportiva) e de indispoñibilidade de horarios para adestrar unha tarde á semana no pavillón. Aducir incompatibilidade dos valos de hóckey con outros deportes é cando menos cuestionable xa que outras instalacións polideportivas en toda España albergan múltiples deportes xunto co hóckey sen problema algún.

 

 

A maior contrariedade co noso desexo de manter os nosos adestramentos e concentracións deportivas no Pavillón da Rúa, despois de todas estas negativas, permitiuse de forma provisional realizar un adestramento ao club mentres buscaba outra instalación na comarca de Valdeorras para continuar o seu labor deportivo. Tras un adestramento o club foi acusado inxustamente de danar o parqué recentemente vernizado e pintado do pavillón, a pesar de non causar ningún problema en catro anos de adestramentos regulares. Cuestionamos tanto esta acusación como os posibles danos que se nos atribúen xa que participamos en moitas competicións onde hai pistas de parqué pintadas e o pavimento non se dana. Como se ve nas imaxes, xogamos en pistas de parqué, que levan pintadas tempo, e non produciron dano algún, mantendo unha perfecta convivencia entre os deportes que se practican no pavillón polideportivo.

A pesar dos obstáculos, o Patín Hóckey Club A Rúa agradece ao Colexio Pablo VI pola súa xenerosidade ao permitirlles adestrar no seu pavillón os martes aínda que nunhas condicións (por ausencia de valos e porterías de hóckey) nada favorables. O club continúa comprometido co desenvolvemento do deporte na comunidade e espera que o Concello da Rúa reconsidere a súa decisión, colaborando na procura de solucións que beneficien a todos os involucrados.

Texto e fotos: Patín Hóckey Club A Rúa Toni Sariol.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button