CulturaCulturaEn portadaMúsicaÚltima hora

Mini SilFest, parte importante nun festival adaptado para toda a familia

A coordinadora, Alba Rodríguez, avanza as novidades desta edición que comeza mañá

Mini SilFest. /Foto: Aigiboga.

 

Corría o ano 2018 cando a organización do SilFest Valdeorras poñía en marcha un novo apartado, o Mini SilFest.”O noso é un festival adaptado para todas as idades, queríamos que incluíra dende nenos ata maiores e faltábanos un pouco esa parte para os máis pequenos porque ao final os grupos que tocan os nenos non os valoran igual e ocorréusenos organizar un festival paralelo onde eles puideran ter a súa propia música, actividades, xogos…”, explica Alba Rodríguez (natural de Rubiá), coordinadora do Mini SilFest, asegurando que naceu para dar opción aos pequenos da casa e tamén para que as familias puideran asistir “porque moitas persoas con nenos poden verse limitados para asistir a este tipo de eventos, mentres que se hai un festival paralelo os pais poden animarse e desfrutar máis do festival”.

 

Alba Rodríguez. /Foto cedida.

 

A idea xurdía de Mireia García quen tivo moito peso nas primeiras edicións (aínda que xa non forma parte do equipo) e dado o ben que funcionou decidían implementalo e agora todos os anos é un éxito. Intentando sempre que esté enfocado cara a música, o feito de estar preto do río facilítalles incluír elementos vencellados ao Sil e tamén ao Camiño de Inverno. “De feito todas as actividades que temos están enfocadas neses dous elementos; temos obradoiros creativos con manualidades relacionadas con instrumentos ou outros elementos relacionados co río como peixes e otro tipo de actividades musicais con concertos para os nenos, teatro e xogos”.

Nesta 8ª edición que comeza mañá, teñen varios talleres de arte. “Nun faremos un mural, noutro pintaremos patos que é o símbolo oficial do SilFest, temos outro de creación de instrumentos,… Despois temos algo diferente e único por así dicilo, xa que lles damos a oportunidade aos nenos de coñecer os entresixos do festival facendo unha ruta polo backstage, polo escenario, ensínanlle os instrumentos reais, coñecen aos artistas e demais, algo que gusta moito”. Tamén hai espectáculos, obras de teatro e malabares enfocado ao público infantil que vai dos 3 aos 12 anos. Este ano tamén haberá unha cata, que triunfa moito porque poden saborear e oler diferentes texturas. Aínda que a base se manteña, “sempre intentamos innovar nas actividades para que os nenos se animen a quedarse no Mini SilFest”, di Alba.

 

Pintando no Mini SilFest. /Foto: Aigiboga.

 

Con todo, a gran novidade deste ano é que o sábado ata as 18 horas a entrada será gratuíta, co cal todo o público, tanto infantil como adulto, poderá acceder ao recinto do festival. “Algo que está moi ben porque por exemplo nese tramo horario faranse actividades como uns xogos de auga se fai bo tempo, aos que poderían acceder todos os nenos que queiran, teñan ou non entrada. É unha iniciativa para todo o mundo poida acceder o recinto e vea o festival aínda que non teñan entrada e así se animen a vir para o ano que vén”, di Alba, recoñecendo que para ela o máis gratificante é ver aos nenos desfrutar e que igual que os seus papás gozan do festival eles teñan esa oportunidade. “Sei que para eles vai ser un recordo inesquecible porque ao final viven experiencias moi chulas e moitos repiten ano tras ano. Ademais as familias sempre son moi agradecidas porque así, ao tempo que os nenos desfrutan, eles tamén poden asistir ás actividades xuntos”.

 

Artigos relacionados

Back to top button