PolíticaÚltima hora

Moisés Blanco Paradelo: “Estamos traballando porta a porta con todos os veciños”

O candidato popular barquense, deputado na lexislatura que vén de rematar, ocupa o posto número 12 nas listas de Ourense ao 12X

O barquense Moisés Blanco figura na candidatura do PP pola provincia de Ourense.

 

Volve ser o único valdeorrés que figura na candidatura que presenta o Partido Popular pola provincia de Ourense nas eleccións do 12 de xullo. O barquense Moisés Blanco Paradelo, deputado no Parlamento de Galicia na lexislatura que vén de concluír, ocupa nesta ocasión o posto número 12 na lista popular. Explica que nestes anos de traballo “o que podo avalar é o meu labor e os temas importantes que defendín”.

– Esta é unha campaña electoral fóra do común, que balance fai ata agora?

Eu vexo unha campaña moi positiva e moi ilusionante para o Partido Popular na provincia de Ourense. Estamos traballando porta a porta, chegando a todos os veciños. Esta campaña estivo marcada polo Covid-19 na que tiveron que limitarse os aforos e os actos non foron os habituais, pero creo que iso por un lado nos beneficiou, porque nos permitiu achegarnos máis de preto tanto aos colectivos, como aos veciños da nosa provincia e concretamente do Barco e da comarca.

 

 

– Que lle diría á cidadanía de cara á cita do 12X?

Creo que nestes momentos hai que ter en conta claramente dúas cuestións: a certeza, a seguridade, a eficacia e a xestión que representa Alberto Núñez Feijóo; e por outro lado temos un gran lío de dez partidos que terían que estar continuamente vixiándose uns aos outros para ver a quen nomean ou que políticas fan.

De feito, xa vimos o que sucedeu en Galicia anos atrás co bipartito e estamos vendo o que está a suceder na actualidade a nivel nacional. Creo que os galegos non queren para nada esa política de confrontamentos, de vixilancia e de desconfianza entre uns e os outros membros do goberno.

Neste 12 de xullo cómpre apostar pola experiencia e por quen coñece perfectamente Galicia, os seus sectores produtivos e todas as bisbarras, comarcas e concellos. Por iso creo que Alberto Núñez Feijóo é a única persoa posible para facelo agora, con diálogo e con talante. Estamos pedindo o voto para Feijóo con toda a intensidade e ilusión e pediremolo ata o último momento.

– Foi deputado no Parlamento de Galicia durante a última lexislatura. Cre que tivo en conta o suficiente a Valdeorras?

Nestes casos eu creo que o mellor é que te xulguen os demais. Pero no meu caso o que podo avalar é o meu labor, defendín temas moi importantes e despois conseguimos o recoñecemento do Camiño de Inverno como Ruta Xacobea. Ademais, fun o primeiro deputado que traballou polo recoñecemento da Festa do Botelo como Festa de Interese Turístico. Primeiro leveino como unha moción co grupo popular no Concello do Barco e despois leveino ao Parlamento. Tamén apoiamos iniciativas que tiñan que ver con Florencio Delgado Gurriarán no Parlamento, que nunca se levara unha cuestión desta índole.

 

 

– Que responsabilidade conleva ser deputado?

Sendo deputado ás veces tes que limitarte a defender cuestións de sectores como o da lousa, xa que tiven responsabilidades como voceiro de Innovación ou Minaría. Por suposto, tiven a responsabilidade de apoiar e impulsar a autovía A-76, que foi atacada polos grupos de Podemos, En Marea, BNG e ás veces apoios dubitativos doutras forzas da esquerda .

Ademais, seguindo en materia de infraestruturas, tamén levei iniciativas para mellorar as estradas entre A Rúa e A Gudiña, e entre O Barco e Trives, para tratar de minimizar as curvas. Creo que foi moi importante que estivera unha voz representando a Valdeorras, xa que quen mellor que a miña persoa para coñecer o que sucede.

Tamén exerceu labores con relación ao Medio Rural…

Nesta última lexislatura tiven a honra de ser presidente da Comisión de Medio Rural, e dende que nombraron a José González como conselleiro fun o portavoz de Medio Rural. Foi apaixoante traballar nun camiño polo que temos que seguir apostando como é o rural e levamos unha lei que, se queren os galegos, poñeremos en práctica, para a recuperación de terra abandoada e creación de polígonos agrarios.

Queremos poñer actividade no medio rural, xa que é a mellor forma de conseguir asentar poboaciación, e sobre todo, tamén loitar contra o abandono e a protección contra os incendios forestais que tanto sacuden á comarca a través das aldeas modelos, polígonos forestais, etc.

Polo tanto, foi unha cuestión moi apaixoante e creo que Valdeorras ten moitas oportunidades en diferentes sectores, en canto á recuperación do castiñeiro, tanto tradicional como novas plantacións e por suposto o viño, que ten moitas posibilidades para seguir crecendo, sobre todo, en calidade. Creo que se seguimos traballando neste sector, pode xerar moitos postos de traballo e sobre todo dinamización económica. Ademais, outro sector que defendemos é o da lousa, que tantos postos de traballo e riqueza xera na nosa comarca, e que se desaparecera como vemos noutras comarcas cercanas, sería moi triste para a nosa poboación.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button