Elección galegas 18F - 2024EntrevistasPolíticaÚltima hora

Noa Presas: “Estas eleccións son unha oportunidade histórica, sobre todo, para a provincia de Ourense”

A cabeza de lista do BNG por Ourense está convencida que "estamos en condicións de desputarlle a presidencia da Xunta ao PP e de abrir un tempo novo"

Noa Presas lidera a lista do BNG pola provincia de Ourense ás eleccións galegas.

 

Tras dúas lexislaturas consecutivas como deputada no Parlamento galego polo BNG, Noa Presas Bergantiños volve encabezar a lista do BNG pola provincia de Ourense, pero resalta que os comicios galegos do 18 de febreiro son moi diferentes ás anteriores. “Son unha oportunidade histórica para o país e, sobre todo, para Ourense. Creo que estamos en condicións de desputar a presidencia da Xunta ao PP e de abrir un tempo novo para Galiza e para Ourense e iso foi o que nos motivou tamén a poñer toda a aprendizaxe destes anos ao servizo desta causa e destas eleccións porque creo que, humildemente, nestes anos aprendín moitas cuestións que sería positivo poñer en marcha nun novo goberno e un novo episodio da nosa historia e estamos esforzándonos ao máximo para facelo realidade”.

Licenciada en Filoloxía Galega e Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, está ourensá é deputada galega desde a X lexislatura. De cara ao vindeiro 18 de febreiro, Presas considera que “a provincia de Ourense pode ser decisiva para o cambio”.

¿Que lugar importancia pensa que se lle ten dado na última lexislatura a provincia de Ourense tanto no Parlamento galego como no goberno da Xunta?

Penso que Ourense sofre unha dobre discriminación. Por unha banda porque Galiza está discriminada e, pola outra, porque demograficamente pesamos pouco e iso fai que moitas veces non haxa focos de interese en Ourense e creo que para porlle remedio hai que apostar polo BNG por dúas razóns. A primeira é que nós temos mans libres para negociar co Estado, non nos debemos a ningunha dirección madrileña e ninguén nos vai parar, por exemplo, para negociar un ferrocarril digno ou infraestruturas dignas no ámbito das estradas que non sexan como a vergonzosa N-120. E, en segundo lugar, porque o BNG é a única organización política cun proxecto de país para toda Galiza, que pensa na cohesión e no equilibrio territorial e que lle dará a Ourense o lugar que merece.

¿Como é a candidatura que presenta o BNG pola provincia?

Presentamos unha candidatura moi completa, moi heteroxénea territorialmente e que ademais nos seis primeiros postos incorpora a tres persoas especialistas no medio rural porque entendemos que precisamente para Ourense é fundamental apostar pola revitalización de todo o sector agrogandeiro. Polo tanto, esta é unha candidatura pensada para darlle un impulso a Ourense e ao país e para gobernar.

¿Como está a campaña electoral?

A sensación é moi positiva, e malia que o PP fixo un intento de que non houbese campaña electoral poñendo as eleccións no Entroido e adiantándoas máis de seis meses, pese á iso, a xente é consciente de que estamos nas eleccións máis abertas dos últimos 15 anos, de que hai partido e de que existe unha alternativa á alza e cun proxecto sólido. Cada vez máis persoas valoran esa alternativa do BNG e se concentramos no BNG o voto da xente que quere cambio e que lles doe Valdeorras e Ourense, conseguirémolo e que haberá un cambio importante para facer as cousas doutra maneira, mellor e a favor a cohesión e do reequilibrio territorial.

¿Cales os contidos do programa do BNG que destacaría con relación á provincia de Ourense?

Nós somos conscientes de que Ourense por todos os problemas que causaron estes anos de goberno do PP necesita unha discriminación positiva e para iso fixemos o que chamamos Plan Ourense Vivo, con 35 eixos estratéxicos, dende o ámbito dos servizos públicos e dos servizos sociais ata o ámbito do impulso industrial e do avance en eidos como a loita contra o cambio climático. Ourense vai necesitar un plus e nós temos ese plus porque contamos cun programa de país, pero temos tamén medidas específicas para a provincia.

Nese plan tamén incidimos na atención sanitaria. Creo que é un problema que nun país a segunda preocupación da xente sexa a sanidade, e iso pasa porque nestes anos aplicáronse recortes e unha política de persoal que expulsa aos profesionais. Nós entendemos que hai que darlle a volta, que hai que apostar por que as áreas sanitarias recuperan a súa capacidade de autoorganización como tiñan e tamén é necesario facer un plan específico para os hospitais de Verín e de Valdeorras e incluso para o propio hospital da cidade, para captar e atraer persoal. ¿Como? Ofrecendo contratos de máis duración, proxectos de investigación e tecnoloxía punteira para que así os MIR  do CHUO, en Ourense, que é coñecido pola súa gran formación, poidan facer aquí o seu proxecto de vida.

Temos que aproximar a sanidade ao cidadán e garantirlle os servizos, non é admisible que durante máis dun ano moitas persoas de Valdeorras pola situación de hematoloxía teñan que desprazarse a Ourense, hai que facer á inversa, tense que promover o desprazamento de persoal cando non está instalado no propio hospital e hai que dar dereitos sanitarios. E ademais a sanidade debe aproximarse á realidade da comarca, polo tanto, será unha prioridade que en Valdeorras haxa servizo de neumoloxía para atender toda a realidade da silicose.

E, por último, non pode ser que habendo avances tecnolóxicos e consenso en que é precisa unha ambulancia de soporte vital avanzado para salvar vidas en Valdeorras, non se estea dando simplemente por criterios economicistas. Esa será unha cuestión que tamén é un compromiso do BNG con Valdeorras.

 

Noa Presas durante un acto electoral en Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O BNG defende unha tarifa eléctrica galega, ¿que pode supor iso para unha provincia como Ourense con numerosas centrais hidroeléctricas?

Nós entendemos que nun momento de cambio enerxético hai que apostar por corrixir ese gran dano que se fixo a Ourense no século XX. Inzaron a provincia de grandes encoros, xeramos por exemplo o 70% da gran hidraúlica que se produce en Galiza que, á súa vez é excedentaria na produción de enerxía eléctrica, máis do 40% no último ano. Debemos conseguir que iso reverta no noso desenvolvemento económico e social porque para algo temos nós o impacto ambiental.

Agora vemos que coa nova vaga eólica estase repetindo a historia, hai moitos proxectos que afectan á comarca de Valdeorras, a grandes paraxes naturais. Non se pode consentir que non se protexan eses espazos e tampouco que onde se acaben instalando eses aeroxeneradores non haxa unha compensación. Polo tanto, nós imos impulsar unha empresa pública de enerxía e tamén a negociar co estado. De aí a importancia de ter mans libres para negociar por Galiza unha tarifa eléctrica máis barata para aqueles territorios que están producindo enerxía, algo que beneficiaría por suposto á nosa comunidade.

As infraestruturas son unha demanda histórica en zonas da provincia como Valdeorras, ¿que propón o BNG neste senso?

Eu fago unha reflexión. Ata agora en Galiza tivemos seis presidentes, todos eles homes e de forzas estatais, e a consecuencia é que se abandonou o oriente de Ourense porque son grandes infraestruturas que depeden do Estado e non se negociou por esta parte do país, polo tanto, como dicía antes, necesitamos un goberno liderado por unha forza con mans libres para poder negociar, como é o BNG con Ana Pontón á fronte, e que nos primeiros cen días de goberno sexa clave sentarse a negociar co Estado.

Nestes 14 anos non se negociou ningunha transferencia de competencia nin grandes infraestruturas que seguen pendentes. Iso non é asumible, e máis cando estamos falando no caso de Valdeorras de ter unha vía de tren desaproveitada e dunha estrada N-120 que é das que máis sinistralidade ten no Estado.

¿Que lle diría aos votantes para que o 18 de febreiro respalden á candidatura do BNG?

Eu sei que hai xente decepcionada coa política, co ruído que vén, sobre todo, da política madrileña e a todas esas persoas eu dígolles que temos unha forma diferente de facer política, confiando no país e para mellorar a vida da xente e que, se nos dan a oportunidade, non lle imos fallar a este país. E se non lles gusta o que facemos, este é un contrato só a catro anos, que se pode revocar nas próximas eleccións.

Pero eu estou convencida de que, igual que a xente repetiu en Allariz, que é un dos exemplos do que pode transformar o BNG; seguro que repetirá tamén se nos dá a oportunidade de ter a primeira presidenta da nosa historia.

Artigos relacionados

Back to top button