A RúaConcellosÚltima hora

Nos últimos 5 anos máis de 600 estudantes fixeron as ABAU no IES Cosme López da Rúa

O Concello rues recibía hoxe a visita do presidente da Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG), Iván Area

A alcaldesa da Rúa, María G. Albert co presidente da CIUG, Iván Area, no Concello rues./

 

Na xornada deste martes 3 de outubro o Concello da Rúa recibía a visita do presidente da Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG), Iván Area Carracedo, para “analizar a situación actual no referido á celebración das ABAU e o mantemento e renovación do convenio que permite que o alumnado da comarca de Valdeorras e comarcas limítrofes poida realizar na Rúa as probas de acceso á Universidade”.

Na reunión mantida coa alcaldesa da localidade, Maria G. Albert, ambos concordaban na importancia que reviste a existencia da sede da Rúa nas ABAU (Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade) para “garantir o acceso en igualdade dun alumnado que está, no mellor dos casos, a unha distancia de entre unha hora e até case dúas horas da cidade de Ourense, na que se atopan o resto de sedes da provincia”.

 

 

A alcaldesa da Rúa quixo remarcar tamén o esforzo económico que o Concello fai para garantir que a sede da Rúa continúe a ser “un referente no acceso universitario toda vez que, xunto coa de Viveiro e a de Cee, fai parte dos únicos tres concellos que acollen probas da ABAU ademais das sete cidades” Albert apelou ademais á necesaria colaboración entre concellos para poder garantir a pervivencia dun servizo “excepcional e moi valorado” para o estudantado do rural.

O Concello da Rúa acolle no IES Cosme López unhas ABAU que acollen á súa vez ao alumnado dos centros educativos do Barco de Valdeorras, Quiroga (Lugo), A Pobra de Trives e Viana do Bolo e “nestes últimos 5 anos (Covid mediante) máis de 600 estudantes fixeron as probas nas dependencias do instituto”, indica a rexedora, destacando o interese demostrado pola CIUG por coñeceren de perto as necesidades educativas da Rúa no referido ao acceso á universidade e desde a alcaldía manifestouse a “confianza por que esta colaboración e bon entendemento achegue cousas moi positivas á Rúa”.

 

Artigos relacionados

Back to top button