CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Novo mosaico do valdeorrés Chere “pola inclusión á diversidade e a integración” en Narón

Esta obra colaborativa realizábase neste 10 de decembro, no marco da celebración do Día dos Dereitos Humanos

 

Para conmemorar neste 10 de decembro o Día Internacional dos Dereitos Humanos, a Concellería de Participación Cidadá e Benestar Social de Narón decidía elaborar un mosaico colaborativo nunha das paredes da Casa da Mocidade. Para a súa coordinación contábase co artista valdeorrés Gerardo Rodríguez “Chere”, co seu irmán Manolo e coa artista de Bueu Susana Ferradas.

Dende as 10 da mañá, e por quendas, ianse achegando os membros da Corporación municipal de Narón, entre eles a concelleira de Participación Cidadá, Catalina García Blanco, así como integrantes das seguintes entidades e ONG’s: AXF, Chamorro, Cogami, Teima, ASPANEPS, ASPANAES, Alcer, AFFINOR, ASCM Narón E Mobilidade Humana.

De forma conxunta íase confeccionando un “puzzle” no que cada peza por separado identifica “un tipo de discapacidade ou diversidade e todas ensambladas representan un berro ou chamamento a inclusión, a riqueza na diversidade, e a integración de todos na sociedade”, explica Chere.

 

 

Con este novo mosaico de Chere preténdese sensibilizar á cidadanía sobre a riqueza das diferentes capacidades existentes na sociedade. “Porque todos somos persoas con algún tipo de discapacidade nalgún momento da nosa vida, xa sexa temporal ou permanentemente… E porque é unha realidade que pode cambiar unha vida nun só intre: un accidente laboral, doméstico ou de tráfico poda mudar a nosa realidade e xeito de ver as cousas”, asegura o artista.

Baixo o hashtag #naronsuma a Concellería de Participación Cidadá e Benestar Social procura buscar solución “ás necesidades de urxencia de inclusión, diversidade e integración de todalas persoas con discapacidade ou diversidade e deseñar as accións encamiñadas a garantir os dereitos humanos de migrantes, retornados, solicitantes de asilo e de todolos habitantes de Narón”.

Á tardiña, despois de que más de 150 personas colaboraran, o mosaico completábase coa última peza, á espera de que a mensaxe sexa visible en toda a sociedade. “Foi un luxo e un privilexio poder traballar con todas estas asociacións”, di Chere.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button